Select Page

Pedro Ladroga – DRWTSN32.exe

09/03/2018 • Utopic Royal

Din Los Santos no seu tema 2k14dpg que senten a todos os trapeiros do movemento fillos seus, e poñen de data de comezo da súa andaina en 2014. En parte, é certo: moitas das que agora andan no trap comezaron nisto influenciados enormemente polo que Yung Beef, Kaydy Cain, Khaled e Steve Lean comezaron naqueles anos, converténdose en vangarda dun movemento musical con historial máis ben curto no Estado Español. Con todo, antes incluso ca eles, xa había quen estaba dando os seus primeiros pasos nun rap máis experimental, lonxe dos sons pre-establecidos nos noventa e creando música fora dos límites coñecidos. Quizás o máis especial destes era, sen dúbida, Pedro Ladroga, un rapeiro de Sevilla que dende sempre intentou romper co que a música rap tiña como límites.

Pedro Ladroga, AcidoP, $kyhook ou SZ son nomes que nunca conseguiron ser tan coñecidos como os anteriores, quizás exceptuando aquel de quen estamos a falar hoxe, que sempre foi moi ben recibido pola crítica musical. E non é para menos, porque é o máis similar do Estado ao que sería o son de Lil Ugly Mane en Estados Unidos, salvagardando as distancias. No son destes artistas, a electrónica cobra unha importancia maior, traendo consigo ritmos máis relaxados do habitual, case tentando crear unha sensación somnolenta nos seus temas, cunha influencia enorme do vaporwave. Drogas, sexo e fanfurriñeira como temas principais das súas letras, non require máis que un pequeno paso pasar do cloud rap que eles comezan a crear ao trap, tan de moda.

Neste novo traballo, todo está feito para que nos transportemos a un mundo experimental de e ilusorio, coa voz aguda e rasgada de Pedro como principal e único medio de viaxe entre a música, pois non conta cunha soa colaboración en ningún dos once temas que compoñen a media hora de duración do álbum. As temáticas xa contadas anteriormente son, como non, a principal temática das cancións. Drogas, tabaco, antidepresivos e ansiolíticos son mencionados con regularidade, así como problemas amorosos e egocéntricos. En xeral, créase durante todo o álbum unha introspección melancólica e triste na que sentirse sempre, dalgún modo, identificadas. Cando nos damos conta, o traballo aletargado xa pasou, e connosco unha media hora intensa.

En certos momentos, sen irse moito da liña marcada do álbum, hai momentos de crecemento rítmico. O exemplo máis claro sería en temas como Kita Kita ou Foll_arte, onde as melodías vólvense máis rápidas en certas ocasións, para volver a baixar ao ritmo lento en medio do tema, axudando a crear unha mellor conexión co álbum, sen darnos tempo para perdernos nas sensacións de sono que tenta producir, sendo isto un dos grandes acertos do álbum.

DRWTSN32.exe é xa o quinto traballo en solitario de Pedrito Ladroga, aínda que a súa capacidade produtiva faino contar cunha gran de colaboracións en obras conxuntas con artistas coma os mencionados no parágrafo anterior. Aquí, os sons xa establecidos por Pedro nos seus anteriores traballos fusiónanse con sons dunha electrónica máis obxectiva no sentido da palabra, combinando o son típico dos seus temas con diferentes chiscos á programación e á informática, sendo moi común atopar en medio dos temas sons característicos dos softwares máis coñecidos das computadoras. Non vos asustedes, polo tanto, se ao escoitar o álbum atopades sons que vos levan a comprobar se tedes unha nova mensaxe en WhatsApp, Skype, ou se o voso ordenador está funcionando correctamente, porque é inevitable.

Cada novo álbum, Pedro Ladroga tenta xa non irse dos límites do rap, senón dos seus propios. No que outros conseguen un nicho no que acomodarse, a el non lle é posible manterse quedo, creando sempre algo novo, transgresor e vangardístico onde a música é a principal gañadora. En DRWTSN32.exe, este intenso proceso vólvese a materializar.

Pedro Ladroga