por | Abr 2, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

Refuxiados e ‘Co vento de cara’

Peter Härtling é un dos autores máis recoñecidos da literatura alemá. No ámbito da LIX obtivo o premio La vache qui lit e o premio especial do Deutscher JugendliteraturpreisCo vento de cara é un dos libros do autor que podemos desfrutar en galego, da man de Kalandraka.

Co vento de cara

Encargo perigoso (ilustración: Iván Suárez)

SINOPSE

A Segunda Guerra Mundial rematou, pero a tensión persiste no ambiente. Bernd, un rapaz alemán, e tía Karla, súa nai adoptiva, vense na obriga de fuxir na procura dun futuro incerto. A muller ten a intención de chegar a Viena, pero terán que facer un alto na pequena vila austríaca de Laa de Thaya, á espera dun tren que non acaba de chegar.

“A guerra rematara, pero a paz aínda non chegara.”

Co vento de cara

Caza persecutoria (ilustración: Iván Suárez)

HISTORIA

Hai un ano que Bernd ficou orfo, o mesmo tempo que a súa tía Karla o adoptou. Cando Hitler é derrotado, teñen que fuxir a causa da persecución aos cidadáns alemáns. Diríxense a Viena, pero ha pasar moito tempo ata que os trens circulen con regularidade. Veranse paralizados nunha vila que parece estar na “fin do mundo“, tal e como di a muller. Alóxanse nun cuarto  de Laa, e ármanse de paciencia. Mentres pasan os días, Bernd traba amizade con dous nenos do lugar, Leni e Poldi, e cun cadelo ao que apodan, precisamente, Canciño. Pero quen máis lle ha influir é o fabuloso señor Maier, un home cunha estraña carisma do que se di que anda en negocios turbios.

Co vento de cara

Cartos no zapato (ilustración: Iván Suárez)

OPINIÓN

Ambientada en 1945 e escrita no 2000, Co vento de cara non ten data de caducidade; por desgraza, o drama dos refuxiados é unha realidade nos nosos días, só cambiaron o país e o nome da guerra. O brillante deste libro é que relata esa continua marcha a ningunha parte, esas esperas desesperantes e esa incerteza, sen caer en dramatismos innecesarios, nin centrando toda a trama na traxedia desa familia destruída polo conflicto, da que só quedan o rapaz e a súa tía. Non, Härtling presenta unha historia de crecemento a través dese protagonista que está a deixar atrás non só todo o que coñecía, senón a súa propia infancia.

Segundo Bernd se vai relacionando coas outras personaxes e coa propia vila, sentimos o que el, e mesmo sentimos o mesmo afecto por Canciño, facemos amizade con Leni e Poldi, e mesmo admiramos ao fabuloso señor Maier, unha personaxe de moral dubidosa que chega a converterse en todo un símbolo no imaxinario do protagonista.

Mención especial merece a personaxe da tía Karla, na miña opinión, mil veces máis fabulosa que Maier, e que calquera outra personaxe que teña lido en moito tempo. Unha muller forte, irónica e directa, que non se anda con rodeos e entende á perfección como funciona o mundo e o comportamento humano. “Ata como refuxiada, tía Karla era tía Karla“, reflexiona o protagonista nun momento dado, referíndose á súa astucia e capacidade de manexar mesmo as situacións límite. Esta muller, que perdeu a súa vida e gañou un fillo co que non contaba (pero ao cal, notamos non con palabras senón con feitos, quere e coida coma se fose seu), da toda unha lección de entereza, resistencia e mesmo sabedoría. Apoda a Bernd como unha flor dobrada, un Prímula, ao cal protexe, rifa e tranquiliza, todo cando toca.

“Non esquecerás esa imaxe mentres vivas, Prímula. E algún día vas dicir Aquel foi o día no que a guerra rematou de verdade

A linguaxe namoroume co seu xeito de transmitir beleza mesmo das escenas máis duras, co poder da palabra. Non podo desfrutar da obra na súa lingua orixinal por descoñecemento, pero non dubido que a tradución de Dolores Romay lle fará xustiza. Atopamos poesía na violencia, o cal vai en sintonía co tratamento que se fai da temática da guerra e do exilio: non hai autocensura, a crueldade humana está ben presente, e Bernd, ou Prímula, está a coñecela en todo o seu “esplendor”. Pero non hai nada explícito, máis alá dalgún cadáver ou tiroteo, porque non é preciso, a historia non o pide. O autor prefire insinuar antes que amosar, o cal é de agradecer.

Co vento de cara

Pé falso (ilustración: Iván Suárez)

CONCLUSIÓN

Imprescindible. Imprescindible, xa non só para unha maior concienciación social, que tamén. Imprescindible para reflexionar, sobre erros pasados que poderían volverse cometer, que se cadra xa se están a cometer. Imprescindible para coñecer todas esas personaxes en apariencia anodinas, e máis de preto fabulosas. Imprescindible para desfrutar de cada palabra. Imprescindible para admirar a coidada edición de Kalandraka.

Malo raio, imprescindible!

Co vento de cara (Reise gegen den Wind)


Autor
: Peter Hartling
Ilustración: Iván Suárez
Ano: 2016
ISBN: 9788484641384

 

Kalandraka