Jack White – Boarding House Reach

23/03/2018 • Third Man Records

Boarding House Reach é o terceiro disco de estudo de Jack White. Sen embargo non debemos deixar que esta afirmación nos engane. Ademáis de Lazaretto (2014) e Blunderbuss (2012), o músico de Detroit ten xa as súas costas seis discos coa banda The White Stripes, dous xunto a The Racouneurs e tres con The Dead Weather. Non cabe dúbida de que Jack White é unha das figuras máis prolíficas dentro do rock das últimas dúas décadas e un dos músicos capaces de manter unha personalidade máis marcada neste xénero.

O último disco de White en solitario, Lazaretto, acadou un éxito bastante considerable, mais tamén foi en certa medida o traballo máis predecible lanzado polo multiinstrumentista estadounidense en practicamente toda a súa carreira. Este terceiro disco era polo tanto un momento moi importante para ver que rumbo tomaría de agora en diante a carreira de Jack White, e se ben Lazaretto resultara pouco sorprendente, Boarding House Reach é todo o contrario.

Xa dende os primeiros adiantos do disco quedaba claro que este non sería un álbum continuísta. Connected By Love é unha canción bastante tradicional en estrutura mais que rompía os moldes do que esperamos dun single de Jack White ao estar interpretada principalmente por instrumentos de tecla como sintetizadores e órganos, reducindo o papel da guitarra, o instrumento por excelencia de Jack White a un elemento ornamental durante o solo da canción.

Corporation e Respect Commander xa contaban cun maior peso da guitarra, mais estas cancións si que rachaban coas estruturas clásicas dos temas de rock. Con longas pasaxes instrumentais, estas dúas pezas semellan ter xurdido de improvisacións entre Jack e os músicos cos que traballou á hora de grabar este disco. Músicos cos que non colaborara previamente e que veñen principalmente do mundo do hip hop, acompañando a artistas como Kendrick Lamar ou Kanye West nas súas xiras.

Over and Over and Over é o tema máis potente de todo o disco, unha canción enérxica na que o son máis clásico de Jack White logra ir da man de elementos novos como os sintetizadores, os bongos ou os coros de cantantes de gospel. Probablemente este sexa o mellor single lanzado por White no que vai da súa carreira en solitario. Atopamos tamén mesturas de elementos electrónicos con xéneros máis tradicionais como o blues en Why Walk a Dog? ou o country en What’s Done is Done. Tamén experimentos conceptuais como o de Hypermisophoniac e cancións moi narrativas en formato spoken-word como Abulia and Akrasia e Ezmerelda Steals the Show.

Boarding House Reach pode resultar confuso nas primeiras escoitas xa que racha bastante coas nosas expectativas á hora do que vamos atopar nun disco de Jack White. Sen embargo é indudable tamén que este traballo ten o selo estilístico do músico de Detroit en cada unha das súas cancións. Está lonxe de ser un disco redondo, xa que hai momentos e cancións que funcionan mellor que outras, mais tampouco se pode negar que Jack White, tras vinte anos de carreira musical as súas costas, logrou sorprender, renovar seu son e compoñer un bo puñado de cancións interesantes e divertidas de escoitar con este novo traballo en solitario.

Jack White