Play-Doc presenta sección competitiva de documentais e seminario de crítica feminista

A organización do Festival Internacional Play-Doc, que se celebra en Tui entre o 26 de abril e 1 de maio vindeiros, xa anunciou os cinco títulos que conforman a sección a competición da súa 14ª edición. Cinco títulos que, segundo o festival, “definen o documental nos nosos días” e serven de escaparate para “realizadores de distintas xeracións e contextos”: “cine directo, observacional, arquivo e híbridos entre docu e ficción”. A continuación, os títulos seleccionados:

The Waldheim Waltz de Ruth Beckermann, documental premiado no Festival de Berlín. A veterana realizadora céntrase na figura da súa compatriota Kurt Waldheim, ex secretario de Nacións Unidas (1972-1981) que ocultou dous anos da súa biografía como criminal de guerra.

Terra Franca, da debutante portuguesa Leonor Teles, retrato dun pescador do Tajo que se poderá ver en Tui só uns días despois de estrearse no prestixioso Festival Cinema du Réel, con sede no parisino Centro Pompidou. Ainda que é nova na longametraxe, Teles xa obtivo o Oso de Ouro ao mejor corto en Berlín 2016 con “Balada de un Batráquio”.

Going South é o título do novo filme de Dominic Gagnon (autor de “Of the North” e pioneiro do “cine directo a distancia”), cuxa estrea absoluta terá lugar só uns días antes, no Visions du Réel de Suíza.

Lamaland (Parte 1) do mexicano-suizo Pablo Sigg, estreado no Festival de Rotterdam. Un documental realizado en Nueva Germania (Paraguai) cos supervivintes directos da comunidade utópica fundada a finais do século dezanove pola irmá de Nietzsche, Elisabeth Förster-Nietzsche no sur da Amazonia.

Less unwanted de Europa dirixida polo italiano Fabrizio Ferraro e producida por Lluis Miñarro. Unha peza arredor da ruta Lister nos Pirineos, transitada por antifascistas tanto de España como de Francia ao final da Guerra Civil e, posteriormente, durante a ocupación alemá de Francia, polo filósofo Walter Benjamin, que morreu en Portbou en 1940.

As actividades do Play-Doc completaranse cunha oferta formativa na que destaca o seminario de crítica feminista o 28 e 29 de abril en colaboración con A Cuarta Parede e que contará coa presenza das investigadoras Elena Oroz (Universidade Carlos III de Madrid), Marta Pérez Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela) e Marga Carnicé Mur (Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya).

Canda a este, o festival convoca tamén o obradoiro para adultos Filma, revela, edita e proxecta que convida a revisitar “as paisaxes filmadas nos anos sesenta e setenta en Tui polos seus habitantes en formato Súper 8” con novas filmacións en formato 16mm. Pola súa banda, os máis cativos poderán participar en Descubrindo as imaxes, unha actividade na que gravarán “pequenas películas ao estilo dos irmáns Lumiere: películas que duran só un minuto, nunha toma única e sen mover nin cambiar nada en cámara, que retratan accións de principio a fin”.

Nos próximos días a organización irá avanzando a programación completa: retrospectivas 2018, cinema galego, música en directo e todas as actividades desta edición.