por | Mar 29, 2018 | Música, Novidades | 0 Comentarios

A banda da Loba e os irmáns Sobral, gañadores do certame aRi[t]mar de música galega e portuguesa

Xa se coñecen os gañadores do certame aRi[t]mar que promove a Escola Oficial de Idiomas de Santiago para promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal. O público, que podía votar pola web, recoñeceu “Bailando as rúas” da Banda da Loba como mellor música galega, mentras que os irmáns Salvador e Luisa Sobral foron os vencedores en lingua portuguesa co tema “Amar pelos dois“.

Escolleron ambas as dúas cancións por diante de De Vacas con “Amodiño” e Tiago Bettencourt con “Se me deixasses ser“, que ficaron en segundo lugar; e de MJ Pérez con “Casandra, Ana Bacalhau con “Leve como uma pena” e Carolina Deslandes con “A vida toda“, en terceira posición. Con todo, o concurso segue en marcha e no mes de maio farase a escolla das poesías en galego e portugués.

A Banda da Loba, que se presenta como “Música con M de Muller”, publicou a finais do pasado ano o seu primeiro discoBailando as rúas, que contén once temas a partir de textos de Rosalía Fernandez Rial (“Bailando as rúas” e “Nunca ninguén“) e Celia Parra (“Tres segundos de memoria” e “Coma un blues“) ou de Celso Emilio Ferreiro (“Ti e eu” e “Abrente“).

Pola súa banda Salvador e Luísa Sobral acadaron unha enorme popularidade a partir da participación de “Amar pelos dois” no último certame de Eurovisión, onde a canción representante de Portugal se fixo co trunfo.

aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Participan tamén as comunidades educativas e sociais da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior.