‘Dhogs’ chegará aos cines o 17 de maio

Dhogs, a ópera prima do director lucense Andrés Goteira, gañadora de 13 Premios Mestre Mateo, chegará ás salas comerciais do estado español o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Antes, continuará o seu periplo por festivais de todo o mundo e xa son varias as citas cinematográficas para o próximo mes.

O 6 de abril estrearase no prestixioso Festival Internacional de Cine Fantástico de Bruxelas (BIFF), onde compite nas seccións: Orbit Competition e Filme Critics Selection. Ao certame tamén acoden outras oito películas españolas. Así mesmo, a cinta galega terá a súa premiere alemá no Festival Lichter de Frankfurt, no cal compite polo Premio á Mellor Longametraxe Internacional. Tamén foi seleccionada no ​Festival Imagine de Amsterdam​ e o İstanbul Filme Festivali​, no que a representación española contará cos títulos Abracadabra, de Pablo Berger; A Librería, de Isabel Coixet, e a coproducción hispano-arxentina Teatro de Guerra, de Lola Arias.

O pasado 3 de marzo arrasou nos Mestre Mateo, obtendo os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte o último con Juan Galiñanes. Os académicos e académicas recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán, Morris.

Goteira salientou esa noite as dificultades para estrear o filme nas salas comerciais galegas ao tempo que denunciou a precariedade laboral existente no sector (Dhogs si puido verse no Festival de Cine de Ourense, na Escolma de Cine Galego de Sarria e nunha proxección especial no auditorio de Lugo).