Fotografías por María Mancebo Bettremieux

Concerto Absolución Emilio Cao; A voz dun pobo

É moi importante ter en conta o que supón un concerto coma o do pasado 15 de marzo. Non se trata dun simple evento no que diferentes grupos, de tradicións e formacións tan diferentes, se xuntasen nun festival para tocar, sen máis, como moitas outras veces pasou. Se ben si que este concerto trouxo consigo unha harmonía para que os estilos musicais coincidisen e fose desfrutado a máis non poder, sen pisarse, por exemplo, os estilos de Ataque Escampe e Atrás Tigre, similares entre eles, co rap enerxético e político de Rebeliom do Inframundo, había máis detrás: podemos falar de como toda unha serie de grupos deixaron de lado diferencias musicais aparte para identificarse con Emilio Cao e clase da que todas forman parte para dar un concerto para el e por elas mesmas. Nesta data, todas as diferencias que tan grandes nos parecen ás veces deixáronse de lado e veuse que hai moitas formas diferentes de facer canción protesta.

Pouca xente na Sala Malatesta estaba presente ao comezo do evento. Atrás Tigre saían tímidos aos poucos minutos de dar o reloxo as nove e media da noite, e era hora de que saísen tocar para que todo saíse o mellor posible. Pronto, as colas que fora estaban na billeteira conseguiron a súa entrada e o concerto foise animando. O pop tranquilo e suave dos composteláns daba as primeiras pautas a seguir entre as súas guitarras desgarradas. Tras un par de cancións, Pedro Solla deixaba unhas liñas que se repetirían de mil maneiras despois nos seguintes concertos: “Normalmente somos Atrás Tigre, pero hoxe tamén somos Emilio Cao. Todas”. Os primeiros que tiñan claro por que estaban alí eran eles, e íano demostrar.

Atrás Tigre tiñan moito que contar e demostrar. Viñan de nomealos aos premios MIN, e esa noite, en certo modo, ían demostrar por que dita nomeación era merecida. Tocaron ao redor de media hora, onde a timidez do grupo se ía esquecendo a medida que pasaba o tempo. Os nervios típicos de ser os primeiros en tocar, xunto á falta inicial de xente, fóronse despexando para desfrute das primeiras persoas que se acercaban ao escenario, algo que agradeceron os músicos, que a cada minuto que pasaba parecían sentirse máis cómodos no escenario. Os teclados de Olalla Cociña soaban entre as guitarras e as voces sorprendían. Non faltaron temas como Fainos Saír ou os seus Tristeza Soberana, que emocionaron aos que máis os coñecían.

Tras eles, os focos puxéronse no grupo compostelán do indie por antonomasia, os Ataque Escampe. O concerto foi agora máis longo, tamén a súa traxectoria e número de albumes publicados o merecía e permitía, e non deixou a ninguén indiferente. O que antes estaba a medio baleirar, agora converteuse nunha Sala Malatesta chea de xente bailando con sorrisos nas caras. O grupo agradeceu a complicidade do público, e tocaron como nunca. De entre todas as ocasións que tiven a oportunidade de ver aos Ataque Escampe, de feito, e non sei se será tamén pola tranquilidade do momento e de poder bailar con tantas outras amizades que se achegaron a dar o seu apoio a Emilio, creo que esta foi a mellor de todas. O grupo estaba vivo, contento, e o toque de rabia pola emoción social do evento deulles a oportunidade de facer o que mellor saben cun gancho especial.

Por riba de resto, destacaba o conectado que Miguel Mosqueira estaba en todo momento co que estaba a pasar, tanto dentro como fóra do escenario. Foi el, de feito, quen sacou unhas das declaracións máis duras sobre o que estaba a acontecer: “Nin o sistema xudicial, nin os corpos e forzas de seguridade do Estado, nin os medios de comunicación mercenarios. Non nos van achantar. Non. Somos moitos e non nos preocupan as súas merdas”, sentenciaba dende o escenario entre cancións. Sen ningún tipo de elitismo cultural, e consciente de cal era a súa posición, levou ao público coas súas palabras a dar un berro cheo de orgullo onde a rabia contida desapareceu. As palabras animaron, e os bailes continuaron. A el, tamén. E foi contaxioso, ata o punto que todos os membros do grupo pronto se atopaban tan pletóricos coma el. Eu que chorei con ghost, Festa Malandrómica ou Alan Lomax, entre outras, deron os mellores momentos ao entregado público.

Tras os dous concertos de pop, as baterías e guitarras desapareceron do escenario. No seu lugar apareceu unha mesa e unha equipa informática destinada a poñer as bases. Sobre o escenario, agora, estaban Nervo, Malvares de Moscoso e Frank, con micrófonos nas súas mans. Detrás deles, Ichy como DJ. Todos eles contaban, ademais, cun apoio fora: Movementss e as súas bases, que tanto deron e darían ao grupo. A tranquilidade e a suavidade deixaban agora paso ao enérxico rap dos Rebeliom do Inframundo, que viñan dispostos a dalo todo pola causa.

Pasou algo curioso, ademais, chegados a este punto: o público mantívose a un nivel óptimo, mais os que durante Ataque Escampe estaban en última fila agora estaban en primeira, e viceversa. Onde antes había grupos de xente abrazados bailando e sorrindo cunha tranquilidade patente, agora eses grupos saltaban e chocaban contra eles nos pogos, e os sorrisos de alegría polo momento vivido intercalábanse con xente que, furiosa, berraba as letras dos de Rebeliom sentíndoas como propias. Repetíase, en moitas ocasións, a repetición do berro de guerra do grupo: “Lume e Rebeliom”.

Nervo e Frank puxérono todo para que os alí presentes desfrutasen. A complicidade co público foi excepcional, baixando varias veces do escenario e rematando o concerto no foso, cantando con todas as que estabamos alí presentes. Chegados a Móve-Te, a complicidade cobrou unha forma máis expresa, sentándose todo o público antes de saltar os primeiros versos da canción que tanto éxito tivo entre a xuventude galega máis achegada aos movementos políticos. Así, todas as presentes saltaron xuntas, unidas por un sentimento de clase inevitable.

A festa pechouna o Leo, o cal nin sequera necesitaba presentación. Cada vez que toca, a xente convértese nunha masa na que a complicidade co cantante é case única, ou polo menos non se ve moi habitualmente. Sen embargo, hai que ter en conta algo: o Leo é xa unha das figuras máis queridas da nosa música, e tanto a súa capacidade musical como o seu compromiso político son envexables. Tendo isto en conta, é normal que toda esa personalidade que desprende sexa tan sinxela de adoptar como túa.

Lucindo unha chaqueta malva a cal só a el lle podía quedar elegante, o espectáculo comezou. Letras cambiadas do seu espectáculo habitual para engadir nelas partes dedicadas a Emilio Cao pronto deron lugar aos gritos de “Absolución Emilio Cao” máis sonoros da noite, permitindo que todas aquelas que aquela noite se presentaron no concerto se reafirmasen, unha vez máis, no compromiso que habían aceptado por fin coma seu.

Durante o evento, entre pogos, bailes, cantos e berros, todo grupo presente alí tentou deixar algo claro: hoxe estaban alí por Emilio Cao, pero tamén por todas nós. Porque o Estado ten moitos tentáculos, e igual que Emilio foi apresado por un, calquera podería estar na súa situación. O público alí presente, dende aqueles comezos tímidos, foi aceptando cada vez máis esta mensaxe, nun concerto no que non faltou de nada. E, ao final, todos berramos “Absolución Emilio Cao” coma un só. Coma unha soa clase, lista para responder aos ataques sufridos.

Atrás Tigre
Ataque Escampe
Rebeliom do Inframundo
O Leo i Arremecághona