8 webseries galegas no Carballo Interplay

Chega a primavera e volve o Carballo Interplay. A capital de Bergantiños acollerá do 4 ao 7 de abril a quinta edición do “festival de contidos dixitais máis importante de España” (segundo a propia TVE), un punto de referencia fundamental para a creatividade dixital e, dentro del, a creatividade dixital en galego.

Polo CIP pasaron (e seguen a pasar) webseries como Poetarras, Fame ou Teño unha horta en San Sadurniño e iniciativas como Youtubeir@s. En 2016 o festival subiu a aposta e creou o Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega para incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo.

O primeiro proxecto gañador daquela primeira edición, Peter Brandon, acaba de gañar o  Mestre Mateo á mellor webserie. E o segundo, Hai vida en Bran? estrearase o 5 de abril ás 21h, no propio festival. O auditorio do Pazo de Cultura carballés acollerá a proxección dos tres primeiros capítulos desta comedia con tintes dramáticos que dirixe, escribe e protagoniza a coruñesa Ángela Andrada.

Unha representación da Xeración Xabarín dos soños rotos que pretende “cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos”.

Así, durante o Interplay proxectaranse as webseries en galego na sección oficial (vemos Antolepsia, Galicia Crime e Monumento na imaxe destacada), xunto coa estrea de Hai vida en Bran?.

A maiores, hai 4 novas finalistas que buscan cun guión gañar os 1.500€ do premio para a realización dos tres primeiros episodios da serie. Estas propostas amosan unha gran variedade de xéneros e enfoques, e implican dende profesionais con traxectorias relevantes a estudantes de audiovisual que se lanzan a producir. E son as seguintes:

Sígueme
Creada polos estudantes da USC Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos. Nesta intriga psicolóxica con reminiscencias de Mindhunter, Elisa Sánchez Sedes dará vida a unha moza psicóloga expulsada da universidade pola súa crítica á psicoloxía convencional que decide continuar clandestinamente o seu estudo.

Áureas
Unha historia dos anos 20, que combina música e teatro a través de personaxes de ficción. Fon Cortizo, Javier Álvarez e Alexandre Cancelo forman o equipo técnico, mentres as actrices e músicas Ailén Kendelman, Areta Bolado, Isabel Mouzo, Marina Vigo, Valentina Alonso e Cris Márquez forman o elenco, recentemente recoñecido as da Panadaría, xa que están de actualidade por gañaren os María Casares.

Premios Darwin
Unha comedia baseada no espectáculo de Carmen Conde arredor das mortes absurdas sucedidas en Galicia, combinando dúas cousas tan da terra como a narración oral e o culto á morte. No equipo destaca a presenza de Guillermo Arias-Carbajal na dirección e de caras coñecidas como a de Isabel Blanco, a cantante Nastasia Zürcher e os Porco Bravú no reparto.

Cativos na cociña
Entra no territorio da non-ficción: un neno de cinco anos, Antonio, mudou coa súa familia dende o Perú do seu pai ata o Grove, terra da súa nai. Alí descubre unha nova paisaxe, pero sobre todo os sabores da cociña galega. Tita Portela e Fred Fuentes anímannos a acompañalos nestas aventuras.

Para alén da xa anunciada sesión do día cinco e o Pitching de proxectos de webserie en galego, o evento desenvolverá ata o día sete toda unha serie de actividades como o panorama de experiencias de creación audiovisual en secundaria, as mesas redondas Como creamos a nosa identidade pública en internet ou Tendencias, multimedia e xornalismo para millennials ou a conferencia Como petamos as redes con Operación Triunfo. Canda a isto, haberá obradoiros de biotecnoloxía e electrónica para crianzas e o Obradoiro de Narrativas de vídeo en redes sociais. Entre os nomes, Carlangas de Novedades Carminha, Belena Gaynor, Percebes y Grelos, Abi Power, Perra de Satán ou Akira Valero entre outros.