Select Page

O primeiro filme gai galego chega ás pantallas o 7 de abril

Rematada a súa andaina por varios festivais, a longametraxe Nove de novembro, primeira de temática LGTBI realizada na nosa lingua, presentarase en Galicia o vindeiro 7 de abril. O Teatro Colón da Coruña acollerá a estrea nunha gala organizada pola asociación ALAS, Costura Films e o Comité Anti-SIDA da Coruña.

A proxección será ás 20:30 e os asistentes terán a posibilidade de falar cos actores protagonistas, Ademar Silvoso e Brais Yanek, e o director Lázaro Louzao. Entrada gratuita (previa retirada en taquilla) ata completar aforo.

O proxecto, que conseguiu boa parte do seu financiamento mediante crowdfunding, puido verse en eventos como o festival vasco Zinegoak, o New Renaissance de Amsterdam ou o qFLIX de Philadelphia. Retornando así á cidade onde foi rodado antes de voltar de novo ao circuito festivaleiro.

O cineasta lucense resaltou a relevancia da película pois “non é a primeira vez que aparecen personaxes gais ou lésbicos nun filme galego, pero si é a primeira vez que ocupan a centralidade da historia“.