Triángulo de Amor Bizarro – El Gatopardo

23/03/2018 • mushroom pillow

Quen, en pleno 2018, siga a anunciarse como detractor dos Triángulo de Amor Bizarro ten un problema bastante grave, atendendo ao que nos estamos a perder no noso desfrute. Falar dos de Boiro e falar, xa, dunha das bandas máis sólidas de todo o Estado Español, por non dicir a que máis. Dende o seu comezo alá por 2007 co seu álbum homónimo, a madurez musical non deixou de medrar, sendo o traballo lanzado fóra cada vez máis sólido e con moito máis que contar, ás veces dunha maneira poética e outras moitas de maneira bruta e directa.

Chegados a febreiro deste ano, adiantaban O Isa para anunciar o que sería este novo traballo, El Gatopardo, onde, como nalgunha ocasión anterior, os Triángulo lanzábase en contra da igrexa con claridade. O Isa xogaba unha dobre carta no grupo: por un lado, a primeiras, pode recordarnos á cantante do grupo galego, mais unha vez atopamos o que é a canción realmente, cambiamos de parecer: no tema, os de Boiro falan de Isabel a Católica, cunha claridade que ata asusta: dedícanselle agora á Raíña de Castela frases como “convirtío Iberia en un páramo” (converteu Iberia nun páramo) ou, en referencia aos seus actos no país, “maldecida por arrancar los olivos de Galicia” (maldita por arrancar as oliveiras de Galicia), en referencia ao dito de que os Reis Católicos mandaron a tala de todas estas árbores para axudar na construción da Armada Invencible. No estritamente musical, as guitarras bailan co baixo, compartindo ambos instrumentos unha liña na que difiren as notas, mais presentando unha estrutura similar.

O ritmo anímase e vólvese máis pop e instantáneo en Les Llevaré Mi Cruz, destinada a ser a favorita do EP. Tócalle cantar a Isa Cea, que segue coas ideas da idade feudal na cabeza. Trátase dun canto dende unha figura fantasmal, que fala dunha maldición que carga toda a xuventude nas súas costas debido á relixión e a función que esta tiña nas sociedades feudais. “Prometo mil años de heridas que no se cerrarán” (prometo mil anos de feridas que non pecharán), canta con sarcasmo e melancolía Isa Cea, falando dunhas construcións sociais aínda por cerrar debido á actuación que o clero tivo no Estado ata a actualidade.

Ciudadanos non require explicación inicial ao significado e destino do tema. O partido político estatal é o principal obxectivo da mofa dos de Boiro aquí. A canción cántase dende unha perspectiva burguesa. Isa personifica a unha persoa da clase opresora, cantando cara o futuro dos seus fillos e dos daqueles que forman parte das masas. Cunha sarna clara, Isa canta “Oh niña pobre, tienes suerte, verás lo bueno y lo malo que existe en la vida mientras nuestros hijos se ahogan en el tedio del capital” (oh nena pobre, tes sorte, verás o bo e o malo que existe na vida, mentres os nosos fillos afogan no tedio do capital). Mentres os fillos dos proletarios terán unha vida chea de experiencias debido á súa posición de oprimidos, onde se lles ensinará a traballar de por vida e conformarse coas pequenas cousas, sendo isto o supostamente “bo e malo” da sociedade, ao ver todas as súas partes dela, os fillos dos burgueses non “correrán” esa sorte, senón que vivirán afogados “no tedio do capital”, sendo unha referencia do máis sarcástica á vida sen preocupacións reais que terá un burgués, posiblemente empresario, que pasará a súa vida sentado nunha cadeira dedicado eternamente, sen sobresaltos reais, a explotar aos seus obreiros e sacarlles plusvalía.

Neste senso, tal vez, a maior preocupación que teña este burgués sexa xogar cos futuros das familias que traballan para el, decidíndose a despedilos para non pagar un salario maior ou conseguir maiores beneficios. As referencias ao consumo de droga, como a cocaína, ou a crenza dunha inexistencia de clases, facendo fincapé no dito de “nin de esquerdas nin de dereitas” (e mofándose tamén disto) están no EP, e moi presentes sen dúbida neste tema. É moi importante isto último porque deixa claro que, dende a mofa, os Triángulo de Amor Bizarro son totalmente conscientes de cal é a súa clase, rexeitando a idea de que todo o mundo é igual, e poñendo sobre a mesa as diferencias materiais existentes na sociedade.

Rematan cargando contra a idea estatal do que é “patria”, e concretamente o que é a “patria española”. Trátase dunha canción de actualidade, onde todo que está a acontecer en Cataluña ponse en relevancia. A voz de Rodrigo Caamaño canta de novo moi político, en partes parecendo que fai referencia a un Mariano Rajoy e á súa posición de poder ao ser xefe do Estado, e outras a Albert Rivera e a súa nova cara chea de folgos para continuar coa tradición burguesa, sendo en ambos casos un personaxe obcecado con esta idea de patria. “Porque su orgullo era más fuerte que su miseria” (Porque o seu orgullo era máis forte que a súa miseria), canta en referencia á obsesión irracional que se crea dende o Estado cara a patria española.

Dende aí, as metáforas sobre o que isto está a causar son numerosas: en primeiro lugar, podemos destacar a parte na que se canta “amaba tanto a la patria que arrancó nuestros derechos a grito de que sólo eran prestados” (amaba tanto á patria que arrancou os nosos dereitos a grito de que só eran prestados), falando aquí de como por enfrontar o procés catalán estanse deixando de lado dereitos que anteriormente pensabamos inmóbiles, e estamos poñendo a idea equívoca de patria española por riba da libre decisión do pobo catalán a autodeterminarse. Tamén son destacables, por outro lado, as frases nas que se fala dun aguia acechante: “Mientras el águila acecha, alimentada por su orgullo, alimentada por su miseria, y así amó a la patria” (Mentres o aguia axexa,  alimentada polo seu orgullo, alimentada pola súa miseria, e así amou á patria). Aquí, a aguia referencia á aguia de San Xoan, símbolo do franquismo e tamén utilizado polos reis católicos. Expresamos aquí, metaforicamente, que á vez que se avanza na idea de amar á patria española e enfrontar ao procés, o fascismo avanza ao mesmo tempo animado pola confrontación.

Conectamos, antes de rematar, en referencias a “O Isa el Gatopardo quiere cambiar todo para que todo siga como está” (O Isa o Gatopardo quere cambiar todo para que todo siga como está). Aquí, por unha banda, rescátase a idea da primeira canción, na que se resucitaba en ideal á Raíña Isabel I de Castela, e por outra banda faise referencia á obra El Gatopardo de Giuseppe Tomasi di Lampedusa, mostrando que aqueles que están tentando aproveitarse da idea de cambio e mellora no Estado Español, en lugar non son máis que outra cara da mesma moeda, sendo os trunfos de mellora económica, sen ir máis lonxe, non obra e gracia dos seus actos, senón unha resposta inevitable á mellora da conxuntura económica internacional. Como outro posible enlace tamén nesta frase observamos a intención por parte dos medios de comunicación estatais de converter ao líder de Ciudadanos, Albert Rivera, nun verdadeiro cambio, sen que de verdade o sexa.

Normalmente, Triángulo de Amor Bizarro lanzan unha mensaxe política contundente nos seus discos, sempre dende a mofa e o escarnio. Sen embargo, o realizado en El Gatopardo supón unha novidade: trátase de catro cancións intensas e directas nas que, coa súa metáfora e retranca habituais, fan unha análise dura ao funcionamento da sociedade capitalista índose ata as sociedades feudais para explicalo, e sempre sen esquecer polo camiño dende que clase están a escribir as súas letras. Acompañados da súa instrumentalización dura, ruidosa e agresiva, fan de este EP un dos mellores traballos musicais do ano.

Triángulo de Amor Bizarro