Select Page

por | Mar 26, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

Paseo polos anos 50: ‘Ulises e as cronoamigas’

Diversión e Historia dánse a man neste sorprendente libro ilustrado, asinado por Érica Esmorís e Jacobo Fernández Serrano. Os autores recuperan o recurso das viaxes no tempo cunha visión única a catro mans.

SINOPSE

Ulises é unha moi boa estudante, que por primeira vez na vida suspendeu a materia de Historia. Por este motivo os seus pais deciden mandala a un campamento especial no cal conviven rapazas de diferentes épocas, e cuxo nexo en común é unha mala nota na materia.

A HISTORIA

Ulises trabará amizade con outras catro mozas (Lula, dos anos 20; Rita, dos anos 50; Carol, dos anos 70; e Olivia, dos anos 80), e xuntas acabarán aterrando por accidente no fogar de Rita, na California dos anos 50. Alí coñecerán todo sobre a época, mentres se preparan para participar nunha competición de surf.

As cinco protagonistas vivirán unha experiencia única que lles permitirá non só aprender moita máis Historia vivíndoa en primeira persoa, senón tamén profundizar na súa amizade e superarse a si mesmas.

“Se din que viaxar abre a mente, imaxina viaxar cara adiante e cara atrás no tempo!”

OPINIÓN

O máis destacable do libro é sen dúbida a perfecta relación entre texto e ilustración, que compoñen un todo indivisible. O tipo de historia desenfadada e humorística que creou Érica Esmorís pide ese estilo desenfadado de Jacobo Fernández Serrano, o cal interactúa coas letras da escritora en perfecta sintonía. Deste xeito, temos o texto integrado nunha web de Internet, ou o deseño da aplicación de Olaapp (clara homenaxe a WhatsApp, xa que é unha aplicación de idéntico aspecto), mesmo pequenos emoticonos que finalizan algunhas frases do texto, de xeito similar á comunicación por redes sociais.

Ulises e as cronoamigas

Olaapp é o sistema de mensaxería que utiliza Ulises

Gustáronme especialmente as pinceladas de información que salpican a trama, que sen formar parte dela, si que teñen relación coa historia, a enriquecen e en absoluto ralentizan a lectura. Temos dende detalles históricos sobre os anos 50 (cine, pero tamén inventos e moda) ata información sobre o mundo do surf ou unha receita de biscoito de cenoria que comen as protagonistas. Así, sen ser un libro didáctico, si que resulta moi enriquecedor. Achega esas curiosidades de xeito que apetece seguir aprendendo máis sobre os temas presentados, e mesmo quererás subirte ti nunha táboa de surf.

Ulises e as cronoamigas

Para viaxar no tempo hai que vestir adecuadamente

A historia en si, é amena e moi áxil (ritmo ao que tamén contribúen os case constantes diálogos e as explicacións sobre as personaxes que se van presentando). Se cadra o principio é demasiado acelerada a presentación das personaxes principais; pasei o primeiro terzo do libro dubidando quen era quen entre as catro cronoamigas, e achaco este problema á fugaz presentación que delas se fai. Mais engadirei que, no seu favor, o tipo de historia pide ese ritmo rápido e case vertixinoso. É unha lectura desfrutable, das que enganchan sen maior pretensión que a de facernos pasar un bo rato.

Ulises e as cronoamigas: Surfistas en California (aventura nos anos 50)


Autor
: Érica Esmorís
Ilustración: Jacobo Fernández Serrano
Ano: 2015
País: Galicia
ISBN: 978-84-15920-77-9

 

Sushi Books