por | Mar 24, 2018 | Música, Novidades |

Kaiser Chiefs e La Casa Azul, novas confirmacións do Atlantic Fest

As novas confirmacións únense aos británicos The Vaccines.

Os próximos 20, 21 e 22 de xullo celebrarase na Illa de Arousa un ano máis o Atlantic Fest, festival polo que xa pasaron artistas da altura de Los Planetas, Maximo Park, Rosalía, Malandrómeda, Músculo, Niño de Elche ou Temples. Este ano, unha vez máis, promete unha data ineludible coa música alternativa, confirmando hoxe a Kaiser Chiefs e La Casa Azul, que se unen aos xa confirmados The Vaccines.

Kaiser Chief son o grupo dos retrousos por excelencia, sendo capaces dende o seu debut Employment (2005) de facer saltar a todas aquelas que acudiron durante todos estes anos aos seus concertos. O seu último álbum, Stay Together, data de 2016.

La Casa Azul son un dos grupos máis interesantes do Estado Español. Dende sempre, Guille Milkyway destacouse como un dos mellores letristas do momento, cunha melancolía e crueza nas súas letras ás que non poden chegar moitas. Tras sete anos de La Polinesia Meridional, volverá a lanzar un traballo de estudo este ano, que recibirá o nome de La Gran Esfera. Como adiantos deste traballo, Guille lanzou fora Podría Ser Peor e El Momento, onde a súa madurez cara o disco máis eléctrico é clara.

Kaiser Chiefs

La Casa Azul