Select Page

Ataque Escampe – Violentos Anos Dez

05/04/2011 • Autoeditado

Entre os grupos que pululan por Galicia dende fai tempo, moitos deles remataron cantando en castelán por presión estatal. Facerse un nome en Galicia, cantando en galego, semella unha proeza imposible. Algo ao que nunca ninguén podería chegar xamais. É totalmente contrario á realidade. Ataque Escampe son un claro exemplo de que a música en galego ten pasado, presente e futuro. Con seis albumes longos nas súas costas, o material do que tirar nos seus concertos, sempre cheos de fans, é máis que extenso. E, entre ditos traballos, hai certas cancións que, en directo, fan que todos nos levantemos a bailar como nunca. Parte deses temas están aquí, en Violentos Anos Dez.

Os fans máis recentes do grupo estarán moito máis acostumados a desfrutar dos ritmos de Primeiros Bicos (2016), un dos mellores discos do grupo. En dito álbum, sen perder a tranquilidade que define ao grupo, os sons teñen unha tendencia máis pop e cunhas baterías moito máis sonoras que no pasado do disco. Alá polo 2011, a data deste álbum, había grandes diferencias co novo. O cal sinala, sen dúbida, unha gran evolución sonora e temática nos discos. En Violentos Anos Dez, se ben hai sintetizadores, estes soan moito máis simples, a batería marca máis o ritmo que forma parte dos temas, e as guitarras teñen unha importancia moito máis grande que hoxe, onde todo soa con máis harmonía. E, sen embargo, seguen a ter moito que compartir connosco. Os temas máis cantables do grupo aquí son moito máis directos, con menos artificios. En Misión de Audaces, o apoio do público chega entre gritos de “Baby don’t leave me”, sendo o máis gritado de toda a canción ao chegar case ao final desta. Significativo é, tamén, que en moitas das cancións os Ataque Escampe acoden a completar partes destas con frases de filmes, moitas veces para dar inicio a un novo tema, e outras para acompañar as guitarras nos seus solos.

En Amor En Acapulco chega un momento especial. Os toques de rock fanse a un lado para unha preciosa instrumentación onde o blues é protagonista, cun baixo que se fai coa canción e leva a canción coma se dun director de orquestra se tratase. Voces en off fan que Acapulco sexa a temática principal do tema, tentando transmitirnos cos sons á cidade e ás sensacións que ela nos pode crear. De seguido, os toques más rockanrollescos chegan con Curtis Mayfield, onde están posiblemente os mellores riffs de guitarra de todo o álbum.

Recordo que fai nada, no concerto de Absolución Emilio Cao, onde os Ataque Escampe mostraron o seu lado máis solidario ao apoiar a causa de Emilio, unha amiga chegou correndo na metade do concerto e preguntou se xa cantaran un tema en concreto. Con mala sorte, xa chegara tarde ao momento máis especial do concerto. Introducimos aquí o principal trunfo deste álbum, así como o creador de dependencia para o resto de temas: Festa Malandrómica, que tal vez a canción máis buscada entre os fans nos directos do grupo. E non é para menos. Tanto a canción en si, coma o que supón para un disco como este, é unha auténtica sorpresa: lonxe queda xa o son máis guitarreiro e rock do grupo máis tranquilo, deixando un ritmo máis actual ter unha posición máis principal: sintetizadores, teclados e guitarras combínanse baixo os cantos de “Festa malandrómica, música electrónica, vas quedar afónica”. Cantos a Compostela, San Pedro, e a festexar como nunca, e temática para os temas máis coñecidos dos Malandrómeda toman posesión do álbum para que o público se volva tolo en directo, e ao cantar a canción nas súas casas. O ritmo anima a bailar e a sorrir como nunca, e ninguén pode fallar contra algo así. De novo, e esta vez como aplausos, voces en off rematan a canción.

É unha sorte poder contar cun grupo no noso país como Ataque Escampe. E non só iso, senón que igual que o celebro eu, tamén o celebra moita máis xente. Cun son cheo de personalidade, fan do seu espectáculo un dos máis interesantes do momento. Violentos Anos Dez son a proba de que non é algo novo, senón que xa tiñan, fai sete anos, moito que mostrarnos. Agora, con seis discos nas súas costas, só mostran que a súa madurez musical, ao revés de moitas, ten moito que ofrecer aínda.

Ataque Escampe