O trunfo de ‘Elisa e Marcela’ fixo dos Premios María Casares un singular festexo da igualdade da muller

A compañía A Panadaría foi a gran vencedora na vixésimo segunda edición dos premios de teatro María Casares coa súa obra Elisa e MarcelaA produción fíxose cos galardóns ao mellor espectáculo -que dedicaron “a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas…”-, á mellor dirección (Gena Baamonde), á mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e ao mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde).

Co mesmo número de estatuíñas, catro, compartiron o seu éxito as pezas A cabeza do dragón, de Producións Teatrais Excéntricas -mellor actor protagonista (Iván Marcos, que este ano recolleu tamén o Mestre Mateo polo seu papel en Dhogs), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor adaptación/tradución (Quico Cadaval) e mellor vestiario (Suso Montero)- e Resaca de ilMaquinario Teatro, que obtivo o de mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Piñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro, Coti).

Pola súa banda, Outono, de Pista Catro, e A Galiña azul, de Tanxarina, levan cadanseu premio; á mellor maquillaxe (Trini F. Silva) e ao mellor espectáculo infantil, respectivamente.

No seu discurso, a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Nieves Rodríguez, destacou que para celebrar “corenta anos de teatro profesional en Galicia” é necesario lembrar que nos tempos das primeiras compañías profesionais, as mulleres xa estaban alí “por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOs, impulsorEs precursorEs, fundadorEs”. “As mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”, advertiu. Ademais, Rodríguez chamou a todos aqueles que cren que esta loita non vai con eles “a desertar”, a deixar a súa trincheira e a se uniren ao bando das que denuncian as violencias machistas e que procuran un mundo no que falar, ser titititeira, rapeiro ou autora dun tuit non é delito.

O pulso reivindicativo da gala non cesou cando, co público en pé, a homenaxeada Rosa Álvarez -invitada ao estrado por Mabel Rivera- reclamou unha maior presenza de mulleres no teatro e no cine. A actriz, premio de honra Marisa Soto, evocou como ela, Mabel e a propia Marisa Soto crearon Teatro de Malbarate, a primeira compañía galega de actrices. Nesta liña, Álvarez -actriz de numerosas obras teatrais e películas como Sempre XonxaHeroína ou Doentes– demandou a posta en marcha dun centro galego de documentación teatral.

As poetas Aldaolado (MaríaLado e Lucía Aldao) foron as encargadas de ler o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, no que eloxiaron “a actitude e valentía das teatreiras valentes que levantan a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza”.

Foi unha noite, a de onte no teatro Rosalía de Castro da Coruña, para reivindicar os “corpos diversos”, as mulleres que xa non calan cando sofren acoso e tamén unha noite para celebrar un teatro sen medo, dese que non pide permiso para falar, para rir ou para emocionar, un teatro que colle a palabra e o escenario e consegue convertelo nunha poderosa arma que é quen de mover conciencias, de cambiar mundos e realidades imaxinadas, así, coa forza das que chegaron antes e co pulo das que aínda están por vir.