Mount Eerie – Now Only

16/03/2018 • P.W. Elverum & Sun

por | Mar 22, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Discos como Blackstar de David Bowie ou Skeleton Tree de Nick Cave & The Bad Seeds soamente funcionan unha vez. O norteamericano Phil Elverum lanzou o ano pasado A Crow Looked at Me, un álbum baixo o nome do seu proxecto en solitario Mount Eerie no que o músico falaba sobre a recente morte por cancro da súa muller, pouco despois de ter dado a luz á súa filla, un suceso tráxico  que o afectou profundamente. O enfoque do disco foi deliberadamente sobrio, case eliminando o liricismo das letras e reducindo o compoñente musical ao extremo. O propio Elverum comezaba o disco cantando Death is real, and it’s not for singing about, it’s not for making into art, when real death enters the house, all poetry is dumb. A pesares de tomar este enfoque o disco resultou moi ben recibido tanto pola crítica como polo público.

A música ten empregado innumerables veces sentimentos de dor e tristeza como materia prima para producir cancións. En moitas ocasións  mesmo semella que estas pezas son capaces de transmitir emocións moito máis fortes. Sen embargo a proposta de Mount Eerie é renunciar a todo isto. A música de A Crow Looked at Me rara vez vai máis lonxe de acordes naturais tocados mediante arpexios cunha guitarra acústica. Elverum apenas busca transmitir nada nin coas súas interpretacións instrumentais nin coas vocais, como se estivesen deliberadamente faltas de vida.

As letras fuxen de todo tipo de tropos ou figuras estilísticas, buscando unha narración directa e literal dos sentimentos de dor e as reflexións de Elverum sobre o falecemento da súa muller. A pesares de dar poucas razóns estritamente musicais para que a escoita deste traballo resultase disfrutable para o oínte, este enfoque tan radical e diferente podía resultar interesante por si mesmo.

Sen embargo un ano despois chega este novo traballo titulado Now Only, no que o músico continúa este mesmo enfoque durante seis novas cancións e un total de 43 minutos de duración. O valor de A Crow Looked at Me estaba na propia forma do disco. O feito de repetila paso por paso de novo non soamente fai deste novo álbum unha escoita predecible se nón que tamén resta ese carácter único do traballo anterior. As cancións por si soas seguen sen aportar nada novo no campo instrumental, quedando lonxe da capacidade expresiva e de transmitir emocións dos temas que o propio Elverum compoñía coa súa anterior banda, os Microphones.

As letras seguen narrando sen florituras os pensamentos do músico, mais as veces acadando un tono considerablemente escuro como na canción Earth na que podemos ler cousas como I guess I didn’t bury you deep enough / When I poured out your ashes beneath the three witch hazels / That you planted in the yard a few years ago in a triangle for us / Where me and the kid were rolling in the grass the other day / And I saw actual chunks of your bones.

O novo de Mount Eerie é un traballo que se ben mantén certos elementos interesantes, resulta nunha proposta continuista. Ao ser lanzado tras un disco moi semellante non logra sorprender como si o fixo o anterior. A reflexións de Now Only son tan duras que por momentos poden facer difícil a súa escoita, e ao ser desprovistas do seu enfoque novidoso non logran funcionar con tanta forza como antes.

Mount Eerie