Aniquilación: O paradigma da mutación na forma de ver cine

A maneira de ver ó cine está a cambiar, é un feito real, totalmente obxectivo, grazas as plataformas de Video On Demand: HBO, Amazon Prime Video ou a plataforma que Disney quere lanzar para o 2019 son algúns exemplos, aínda que a precursora disto é Netflix.

Neste contexto tan competitivo, Paramount apostou pola plataforma primixenia para estrear o novo filme de Alex Garland: Aniquilación. Non sen que houbera certa polémica, xa que é un filme feito para o cine, cuxo propio director defende coma tal, pero o seu estudo preferiu distribuíla internacionalmente por Netflix, á orde da maneira de ver o audiovisual actual e considerándoa “demasiado complexa” para ter un rendemento bo en carteleira.

Vista a calidade dos últimos filmes estreados de forma exclusiva en Netflix (The Cloverfield Paradox, Mute, Bright…), que dista tanto da das súas series máis recentes (Dark, Altered Carbon ou Mindhunter) este filme vénlles caído do ceo, porque é bo. Moi bo.

Alex Garland plantexa o seu segundo filme cunhas directrices semellantes as da súa fantástica ópera prima, Ex Machina (2015). Como naquela, propónsenos unha historia de ciencia ficción con dinámicas morais e existencialistas, onde a mensaxe cobra moita importancia. Onde Ex Machina avanzaba queda, pequena, intimista, plantexando un debate entre os límites entre a humanidade e o artificial, Aniquilación é grande, espectacular, ó mesmo tempo que o que se quere contar suxírese a través de metáforas.

Encontrámonos con Natalie Portman coma protagonista total do filme, o personaxe base sobre o que todo xira. Ela é Lena, unha bióloga que comparte a súa vida con Kane, soldado (repite Oscar Isaac ás ordes de Garland), que se ve inmiscuída nunha operación científico-militar cando a súa parexa volve amnésica e deteriorada da súa última misión.

A película enmárcase no xénero da ciencia-ficción, pero a súa estrutura seméllase máis a dun filme de aventuras. Lena forma parte dun grupo de cinco científicas cuxa misión é adentrarse no área X, “o Resplandor”, unha masa que está a cubrir un terreo no que toda persoa que entra non sae… excepto Kane. Alí dentro, nun entorno hostil, van descubrindo o que está a pasar, e o que é o “Resplandor”, con boas doses de acción e tensión.

O filme enfócase en Lena ata tal punto que as súas compañeiras están algo desaproveitadas, cuxas motivacións, caracteres e trasfondos preséntanse de forma abrupta e estereotipada. Son simples elementos de apoio para a trama e a protagonista, cuxa historia imos coñecendo en base a flashbacks.

Onde está logo a ciencia-ficción? No tema. “O Resplandor” é unha zona que reflexa as células de cada organismo ao mesmo tempo que as combina con outros, provocando mutacións nos seres vivos que entran nela. O mesmo título do filme da algunha pista. Todo xira arredor do concepto de “autodestrución”, de se é algo inherente ó ser humano, e se hai algo de bo nisto. Toda a xente que entra na área ten pouco que perder, e unha vez dentro, o que fan é pelexar contra si mesmos. “O resplandor” convértese nun área de xuízo onde a sentencia depende dun, da súa forza de vontade. Todo o que ocorre no área X pódese entender tamén coma unha enorme metáfora do cancro, coma se explica neste artigo.

O final do filme non fai máis que concretar estas metáforas nunha secuencia final onírica á par que espectacular, cun remate que pretende ser máis críptico do que realmente é, onde nos encontramos con certa esperanza (un Kane convertido na Cousa do Pantano, a ver se me pilla alguén a referencia), con moitas preguntas sen resposta, pero que non a necesitan, porque a película xa explicou o que quería.

No apartado técnico, a presentación da área X e dos organismos que a habita, é moi espectacular, creando un universo moi definido. Os efectos dixitais, aínda que inferiores aos que outras películas máis centradas nisto amosan, son moi correctos. A fotografía, aínda que abusa do lens flare e dese preciosismo e claridade que soen ter os produtos Netflix e que a min cada vez me gusta menos, aproba con nota, sobre todo nos planos referidos á paisaxe dentro do “Resplandor”.

En Aniquilación, Netflix tamén se enfronta a si mesmo, distribuíndo unha película que define ese camiño entre o cine comercial e o de autor que eles están explorando sen éxito aínda. Aniquilación asómase ós modelos máis interesantes do cine actual (o Arrival de Denis Villeneuve parte coma referencia clara), permitíndolle a Garland crear unha película enorme, interesante, profunda… que só se pode ver no ordenador, ou na tele, mais aló dos Estados Unidos.

Aniquilación é unha caxetiña de tabaco, coa cara de Natalie Portman en vez dun pulmón ennegrecido, que afectan ó cancro que está a asulagar as salas de cine europeas, onde xa non é que haxa produción propia, senón que non chega nin o máis interesante que sae de América. Esperemos que no diagnóstico saia que é benigno.

Aniquilación
(Annihilation)


Director
: Alex Garland
Música: Geoff Barrow, Ben Salisbury
Guión: Alex Garland (Novela: Jeff VanderMeer)
Fotografía: Rob Hardy
Ano: 2018
País: Estados Unidos / Reino Unido

DNA Films / Paramount Pictures / Scott Rudin Productions / Skydance Productions