Select Page

Kitai: Presenza e enerxía

O pasado sábado pasámonos pola sala La Fábrica de Chocolate en Vigo para ver os concertos dos madrileños Kitai e dos vigueses Stoyka, ambas bandas con novos traballos baixo o brazo publicados o ano pasado, Kitai co seu segundo disco titulado Pirómanos e Stoyka con SHEER | SOFT | SHARP.

Foron os galegos os primeiros en subirse ao escenario a presentar as súas novas cancións. Non nos cabe dúbida de que o estilo que desenvolveron Stoyka no seu último traballo no que o o jazz e o stoner rock atopan espazos común funcionounos moito mellor interpretado en directo. As baterías tiñan moita máis presencia e os contrastes entre as partes máis tranquilas e os momentos nos que os riffs máis pesados gañan protagonismo. O concerto rematou cunha cover da canción Toxic de Britney Spears adaptada ao estilo dos vigueses, curiosamente o mesmo que fixera Núria Graham no concerto na sala Sónar de Compostela que vimos o mes pasado.

Dende o momento en que Kitai saíron ao escenario coas caras cubertas con pasamontañas vermellos quedou claro que o seu sería un concerto moi diferente ao de Stoyka, no que a posta en escena da banda gañaría moito peso. As cancións soaron con moita máis intensidade que nas versións de estudio, pasando de un son próximo ao rock alternativo con unha certa sensibilidade pop ata por momentos lembrar case ao hardcore.

O setlist repasou en boa medida as cancións do último disco da banda e non deu lugar a ningún momento de respiro exceptuando a canción homónima Kitai máis acústica e pausada que o resto dos cortes. Entre o público cantáronse as letras de varias das cancións e a interacción coa banda foi considerable en todo momento, unha interacción que os propios Kitai propiciaban e por momentos pedían, ata un punto que ben pode facer que conectes por completo coa banda ou ben resultar esaxerada por momentos.

Nada máis rematar a última canción comezou a soar a cover de Hurt de Johnny Cash e a banda sacou unha foto dende o escenario co público detrás. Sen dúbida tratouse dun deses concertos dos que saes superado pola súa intensidade. Os dous grupos defenderon as súas propostas con solidez e demostraron o seu dominio do directo á hora de dar un bo concerto.