Select Page

Fotografías por Ada Seoane

David Casal: “Usar o galego é unha defensa fronte a uns intereses económicos coloniais”

David Casal, poeta vigués. Compostelán. Do planeta Terra. Apenas superou os vinte anos e vai publicar o seu primeiro libro “De pé no océano”. Coñecido pola súa pinta de bohemio e as súas camisas de leñador moi recoñecibles, é unha voz poética moi autorizada en Galicia pola súa gran experiencia nos escenarios. Tras recitar durante anos, embárcase neste primeiro proxecto editorial.

Durante a conversa David Casal mostrouse esquivo,. Non me miraba a min, senón que prefería centrarse na televisión detrás de min do bar aleatorio de Compostela onde nos citamos. Tampouco era claro moitas veces nin se expresaba dun xeito correcto. Nótase que non está acostumado ás entrevistas nin a que lle fagan preguntas persoais. Tras esa barba parece que se atopa un ser un tanto introvertido ao fin e ao cabo. Unha persoa que se lle da mellor escribir que falar. David, Davo, coma o coñecen os seus amigos, remata abrindo a fiestra en vez de tirarse por ela. Cóntanos cousas sobre o seu libro, a súa obra, e a súa visión do mundo.

 

No teu Twitter tes unha frase de Carl Sagan: “se pode ser destruído pola verdade, merece selo. Por que?

Porque realmente me parece que moitas veces se engana con asuntos bastantes afastados do mundo real e con fines que deixan bastante que desexar. Por tanto, empregar a verdade -sobre todo entendéndoa como ciencia que é ao que se refería Sagan- ten un papel importante na sociedade.

Sagan foi un científico e ti estudas bioloxía. Unha carreira bastante pouco cliché para ser poeta.

Fixen un ano dunha Enxeñaría pero a deixei porque non me gustaba nada. Cando me cambiei estaba entre Psicoloxía e Bioloxía. En canto as letras, tiven sempre bastante interese na Historia. Non na Filoloxía precisamente, pero non optei por ese camiño finalmente.

A nivel poético cales dirías que son as túas influencias principais?

Falando do que é poesía sentimental gústanme moitísimo Manuel Antonio e Pedro Salinas. Tamén influíume bastante Batania, sobre todo ao principio. Foi dos primeiros poetas que comecei a ler e iso sempre inflúe. Tamén me atrae moito o que é a poesía comprometida. A poesía de Gabriel Celaya ou a figura de Méndez Ferrín.

Falas de que Batania foi un gran influínte cando comezaches a escribir. De cando estamos a falar?

Non sabería dicir exactamente cando comecei a facelo porque, claro, o facía nun folio que a saber onde remataba. Teño un poema bastante antigo que teño anotado que é de 2013, así que por aí.

Vas publicar o teu primeiro libro “De pé no océano”. Por que a elección dese título?

Iso vaise ver cando se lea o libro, ou polo menos agardo que así sexa. Fago unha metáfora con que moitas veces a poesía é usada para desafogarse. Evidentemente escribir non é a solución final, pero pode servir como punto de apoio. Quero dicir que moitas veces estás co auga ata enriba e, tras escribir, estás de pé no océano e tomas aire.

Dirías que esa é a mensaxe da túa obra?

En parte si. En certo modo quero mandar esa mensaxe sobre todo pola utilidade que penso que pode ter a poesía. Tamén meto na obra pensamentos políticos meus, máis a gran escala.

Gran parte da túa poesía, tal e como está reflectido no libro, é comprometida. Consideras a poesía como un elemento transformador da sociedade?

Calquera acto comunicativo ten un discurso político inherente, polo que si que é transformador. No momento en que a túa poesía fala doutra persoa vai ter un efecto. Cando recito, fágoo diante de persoas, e iso lles inflúe. Polo tanto, é imposible dicir que non teña un efecto transformador.

Entre os moitos poemas que integran a túa obra, tes un poema que chamado Vigo. Naciches alí. Porén estudas en Compostela e cónstame que a cidade ten gran importancia para ti. De onde se sinte David Casal?

De ambas cidades. Como indico no propio libro, a diferencia do alcalde de Vigo, eu non sinto patriotismo pola cidade nin tampouco por Santiago. Sinto as dúas como o meu fogar.

Optaches pola auto publicación. Neste caso pola editorial Círculo Rojo. Foi por elección propia ou porque non hai oportunidades para os poetas noveles nas editoriais tradicionais?

Ambas cousas están correlacionadas. Eu coñezo xente que ten editoriais e poderíamos ter sacado adiante un libro, pero este é o meu primeiro poemario e quería facer algo pequeno. Algo incluso, por dicilo dalgún xeito, soamente en petit comité con xente de confianza. De momento é o que busco.

Dentro da obra tamén destacan as ilustracións de Javier Blanco Armada. Que queres expresar coa súa inclusión?

No libro hai algunhas ilustracións que son antigas, é dicir, que fixo Armada no seu momento. Outras son debuxos a partir de fotos que eu seleccionei. Eu tamén vexo a poesía ou este tipo de manifestacións artísticas como un modo de plasmar un recordo. Cando fas un poema é moi habitual que esteas plasmando un momento ou algo moi concreto. Cos debuxos que lle pedín expreso recordos meus e incluso cos que xa tiña de antes,  os seus.

De pé no océano” é fundamentalmente en galego, pero tes poemas máis antigos en castelán. A que se debeu este cambio?

A miña educación e o ambiente que me rodeou na infancia sempre foi en castelán. Por iso, os meus primeiros poemas foron nesa lingua. Logo, por 2016, empecei a usar o galego. Por unha parte porque me parece unha lingua moi bonita para facer poesía, pero tamén por unha serie de motivos políticos. Un ten que ser consecuente coa súa propia forma de pensar, e iso inclúe como escribir e expresarse. Usar o galego penso que é importante porque é unha defensa fronte a uns intereses económicos  coloniais. E claro, en calquera tema político así, eu só non fago nada, pero se todos imos poñendo o noso gran de area -e ollo, son consciente das dificultades de facelo-, pois pouco a pouco se pode ir logrando.

Dende 2015 formas parte do colectivo poético Álter Ego. durante este tempo, fíxose un nome tanto na cidade de Vigo como en outros lugares a través dos seus recitais. Que cres que aporta de distinto no panorama poético galego?

Non podo dicir que aporta de distinto pero creo que temos un discurso interesante. Creo moito no que facemos. Defender os micros abertos, queixarnos do elitismo que hai na poesía. Tamén nos posiconamos en distintos asuntos como a liberdade de expresión.

En que pensas que hai elitismo na poesía?

Xa nolo inculcan de pequenos. Que todos temos un talento único e que a poesía tamén o é. Eu non penso que por escribir teña un talento único. Realmente penso que polo menos no Estado Español todos temos acceso a poesía porque sabemos escribir. Non é nada improbable que alguén unha noite colla un bolígrafo e un folio e escriba un poema. Tamén pasa á hora de recitar, iso non é así para nada.

Todo o mundo pode escribir, pero es ti quen vai publicar un libro e sen unha traxectoria anterior iso non ocorrería. Pensas que se contradí un pouco co que acabas de dicir?

Non creo que se contradiga. Isto ao final é un proceso de evolución. Non sei ata que punto se pode tachar de malo ou bo un poema.  É bastante complicado porque acostuman a ser textos moi pequenos. Si que se poden analizar pero dicir o que é peor ou mellor é máis complicado. Ademais que depende de máis factores. Se ti recitas ou les iso inflúe. Nin para ben nin para mal, pero inflúe a fin de contas.

Entón os críticos literarios non deben existir?

Si que deben existir porque existe un mercado literario. Cando saco un produto, calquera persoa ten todo o dereito do mundo a criticarme. Cando vou a unha librería non me gusta atoparme X cousas. Outra cousa é unha persoa que escribe con pouca frecuencia.

Se pensara nun artista diametralmente oposto a ti, pensaría en Defreds. Cal é a túa opinión sobre el e o tipo de publicacións que fai?

Pois precisamente a isto me refiro cando digo que se entro nunha librería e non me gustaría atopar X produtos. Non son, en xeral, nada esixente. Eu desfruto moito lendo e aínda que non sexa dunha temática que me guste moito, desfruto analizándoa. Que, a ver, eu tampouco son un experto. Defreds penso que ten unha mensaxe bastante nociva. Non me gusta nada. Dende o meu punto de vista non trata nada ben as súas temáticas, e incluso me parece que a súa poesía é unha despersonalización total da mesma. Sexa o autor que sexa, con independencia da época, no seu poema está deixando algún trazo seu. Polo que teño lido de Defreds, iso non ocorre.

Recitas porque escribes ou escribes para recitar?

Recito porque escribo. Independentemente de que recite ou non, eu vou escribir. Recito porque estou a gusto facéndoo cos meus compañeiros de Álter Ego ou en calquera micro libre.

Sentes nervios cando subes a un escenario?

A verdade é que bastantes. Sempre me costou. Eu quero pensar que co tempo mellorei. Tampouco moitísimo, pero si que polo menos dende a primeira vez que me subín algo o fixen.

E que foi o que te animou a recitar por primeira vez? Sobre todo porque dis que te pos moi nervioso. Hai persoas que non queren subirse a un escenario por esa razón. Incluso lles da pavor.

Menciónoo nos agradecementos no libro. Cando entrei en Álter Ego foi paralelamente cando me comecei a levar con Desirée García, a presidenta do colectivo. Foi a primeira persoa á que eu lle mostrei o que escribía. Dicíame que no próximo recital que fixeran ía recitar e eu ría. Ao final probei. Estou cómodo e desfruto facéndoo.

Aparte da poesía social que nomeei antes, tamén escribes poesía intimista. Os libros non desaparecen co tempo. Que da máis medo, subirse a un escenario e dicir o que sentes diante de moitas persoas ou publicar un libro que perdura?

Eu podo entender que haxa xente que pense así, pero facendo unha analoxía un pouco “loca“, creo que isto é o que lle pasa á xente coas fotos de Tuenti. Eu véxoas e ríome porque son recordos que están aí. Haberá cousas mellores e peores, pero estar aí e conformaron todo o que son. Con este libro -por como o escribín e porque me coñezo- penso que non me vai pasar esa sensación de arrepentimento.

Tanto nos teus poemas como noutras manifestación de calquera tipo, posiciónaste a favor da unidade popular ou da independencia. Ata que punto é importante posicionarse?

Como persoa teño que ser coherente co que escribo polo tanto eu creo que si que é importante. Eu penso como penso. En determinados temas políticos hai que ter unha posición concreta. Non son unha persoa ultra ríxida pero posicionarse é importante sobre todo cando a correlación de forzas é un pouco complicada.

Con Álter Ego -tal e como dixeches antes- participaches en recitais en favor da liberdade de expresión. Como cres que está ese tema no Estado Español?

Realmente complicado. O de Hasel, o de Valtonyc, o de La Insurgencia. Paréceme unha loucura que se condene. E xa non iso, soamente que se lles intente aplicar unha condena como se fosen do Estado Islámico o é. Tamén o caso de Emilio Cao.

David Casal