Brigitte Laverne – Wasted

09/03/2018 • Club Ruido

Normalmente, os EP debut son unha boa maneira para as artistas noveis a darse a coñecer previo a un salto aos longos. Noutras moitas ocasións, son unha forma das bandas nas que sacar traballo adiante, sen atreverse a dar un salto máis grande, pero mostrando un avance dun a outro traballo. No caso de Brigitte Laverne, estamos nun caso diferente. Se ben o seu primeiro traballo, o seu EP homónimo, ten moitas similitudes con este Wasted e supón, polo tanto, ese salto cara adiante, non foi un traballo rapidamente botado ás rúas. Con todo, dende o debut ata o álbum que temos entre mans hai unha diferencia de tres anos. Nun período de tempo tan longo desde un traballo curto ata algo así, moitas dirían que o traballo xamais sairía adiante. Por sorte, non é o caso.

A electrónica cun toque dance volve ser a protagonista, coma no EP debut. Sen embargo, se aquel primeiro traballo pecaba de cancións moi similares entre elas, chegando incluso a aburrir na súa curta duración, o traballo varía e mellora na produción neste salto cara adiante, onde a duración é o dobre que no traballo anterior. Agora, Laverne trae consigo ritmos nos que a melancolía e as emocións máis ledas están, xuntas e por separado, presentes.

Trátase dun álbum de preocupacións actuais, onde Laverne déixase levar por situacións cotiás vividas nun século XXI do cal, como xuventude, forma parte. Temas como Tinder Love son proba fidedigna disto, onde, cun ritmo pausado e triste, Brigitte canta a un amor invisible, diferente, que nunca vai coñecer. Se noutros tempos isto sería unha canción onde a morriña por coñecer un amor verdadeiro estaría sobre a mesa, agora preséntasenos algo así como algo diferente: un amor de rede social, onde o descoñecemento polo que está ao outro lado é palpable, e onde podes soñar igual que no anterior, mais sen saír da pantalla dos nosos teléfonos.

Os sintetizadores de Laverne deixan espazo a unha nova arma no seu arsenal:  as guitarras soan como nunca (literalmente, polo menos ata este LP) en Can’t Take It No More, onde o baile da electrónica dos oitenta de grupos como New Order faise de novo un espazo na música de Brigitte. Se ben non parece importante, si que se trata dun risco musical enorme para unha artista que se deu a coñecer polos seus sintetizadores. Bombos, guitarras e sintetizadores comparten agora espazo coa voz doce e melancólica da cantante catalana.

Brigitte Laverne opta por arriscar e engadir elementos novos á súa música. Wasted trátase dun disco actual, onde a evolución da maneira de relacionarnos neste século é palpable. Xunto a esta temática, veñen novos instrumentos e novos ritmos. Sen dúbida, un disco máis que destacable.

Brigitte Laverne