Select Page

Myles Kennedy – Year Of The Tiger

09/03/2018 • Napalm Records

por | Mar 19, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A día de hoxe é imposible negar que Myles Kennedy é A voz do hard rock contemporáneo. Desde o seu traballo na descoñecida banda The Mayfield Four a finais dos 90, pasando polos xa clásicos do rock moderno Alter Bridge ata chegar a ser o vocalista fetiche do lendario Slash nos seus álbumes en solitario, non cabe dúbida de que estamos ante un dos músicos máis prolíficos da última década. E é que as súas aportacións non se limitan a poñer voz ás composicións, senón que é o letrista principal da súa banda e de Slash, e algúns dos mellores solos e melodías de Alter Bridge están firmados por el (Cry Of Achilles é un gran exemplo).

Por todo isto o seu debut en solitario levaba tanto tempo creando expectación, pois, aínda que Year Of The Tiger é o segundo álbum que compuxo e gravou en solitario, o primeiro (no que traballou durante máis dun lustro) nunca verá a luz porque sentiu que non era honesto dabondo para levar a súa firma. Year Of The Tiger é un álbum conceptual moi persoal, pois conta a historia da morte do seu pai por apendicite, que a súa familia se negou a tratar por conviccións relixiosas.

Year Of The Tiger ábrenos á faceta multiinstrumentista de Myles, pois ademais de tocar a guitarra e poñerlle voz aos temas, tamén aparece acreditado como o encargado de engadir banjo, mandolina, lap steel e baixo á mestura. Isto fai que o álbum, a nivel sónico, soe moi orgánico, movéndose entre americana, folk e blues; un son moi persoal que é o primeiro que chama a atención do traballo, pois afástase de todo o que fixo ata agora.

O álbum abre co tema que lle dá nome e que senta as bases do concepto que hai detrás a modo de carta de presentación (In the year of the tiger / into an ocean grave / threw his ashes to the wind then walked away), cun riff de corte folk no que predomina bastante a mandolina. Séguelle The Great Beyond na que mestura o concepto metafísico do máis alá co vacío dos seres queridos que despiden ao finado, un dos mellores momentos de álbum no que Myles saca a relucir tanto a súa poderosa voz en medio dunha melodía de tintes épicos aderezada cun trío de corda fretada. En Devil On The Wall xoga cos contrastes contando como trata de facer fronte aos seus demos ao ritmo dunha composición prácticamente country e alegre. Noutros temas como Blind FaithNothing But A Name Myles é moito máis directo coas letras, criticando a fe ou preguntándose que pasaría se o seu pai o vise crecer para terminar nunha nota positiva con One Fine Day (This long lament / This bitter end / Let it go).

En definitiva, Year Of The Tiger é un álbum no que Myles Kennedy toma un risco a nivel sónico e conceptual e parece acertar de cheo, pois en ningún momento nada soa artificial ou pretencioso, que é algo que adoita ocorrer cando se plantea un álbum conceptual (véxase o último de Muse). É un álbum escuro, composto a modo de auto-terapia, para pechar unha etapa do pasado e mirar ao futuro de maneira optimista; é un álbum que desborda honestidade e bo gusto.

Myles Kennedy