Editors – Violence

09/03/2018 • Play It Again Sam

por | Mar 16, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Editors son unha desas bandas que lograron gañarse un nome xa dende o lanzamento do seu primeiro disco, un The Back Room que logrou gustar tanto á crítica como ao público. Sen embargo desde este momento en diante a tendencia foi descendente. Seu segundo álbum An End Has A Start, sen acadar tanta unanimidade foi un disco que logrou manter o status da banda. Mais dende o terceiro disco en diante Editors levan publicando nova música que non chega a namorar nin sorprender a case ninguén. O problema disto é que dende An End Has A Start xa pasou máis de unha década e este Violence é xa o sexto disco de Editors.

Non atopamos moitas razóns neste novo álbum que nos animen a pensar que a banda británica buscou romper esta tendencia. O estilo xa característico de Editors no que podemos atopar ese cruce entre o rock alternativo e certos aires puntuais de synthpop é o que predomina nas 9 cancións que compoñen Violence. A cousa empeza ben con Cold, unha canción que se ben non é nada sorprendente funciona de maneira axeitada como unha apertura para este novo traballo. No segundo corte suben as revolucións con Hallelujah (So Low), quizáis a mellor canción de todo o traballo, na que conviven os detalles electrónicos cos enérxicos riffs de guitarras.

O tema que da nome a este traballo cumpre sen namorar, consistindo nunha canción escura e contida que transmite unha constante sensación de tensión. Sen embargo o certo é que dende aquí ata o final de este disco non atopamos moitos máis momentos que chamen a atención, exceptuando unicamente Magazine onde de novo a cara máis pop e máis enérxica de Editors voltan a funcionar unha da man da outra. Violence non é un mal disco, tampouco o foron seus antecesores, mais tampouco logran ser discos verdadeiramente interesantes. O que Editors veñen ofrecendo durante a última década é un traballo correcto que non pode ser considerado unha decepción pero que sen dúbida non lles axudará a sumar moitos máis fans que aqueles cos que xa contan.

Editors