Ruth Lorenzo – Loveaholic

09/03/2018 • Raspberry Records

por | Mar 14, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Cando miña nai vexa que estou a escribir sobre Ruth Lorenzo non sei se vai rir ou, directamente, botarse a ler por primeira vez un dos meus artigos. E é que, como moitas outras, se ben sabía quen era Ruth Lorenzo, empecei a familiarizarme con ela no momento da súa participación na cuarta edición do programa de televisión Tu Cara Me Suena, para o medio de comunicación estatal Antena 3, que tantas veces me pillou durante aquel 2015 mentres ceaba, e do cal saíu como gañadora cun 47% dos votos. O meu caso non é, nin moito menos, unha excepción.

Cando damos un paseo pola carreira de Ruth Lorenzo, observamos que foi unha das finalistas do programa musical X-Factor, alá por 2008, para despois representar no 2014 ao Estado Español en Eurovisión, quedando nun destacable noveno posto. Dancing in the Rain fora a canción elixida para a participación en dito concurso, e posteriormente foi aproveitada por Ruth para convertila no primeiro sinxelo do seu primeiro longo, Planeta Azul (2015). Ruth Lorenzo, para a promoción deste álbum, tentou facerse ver e conseguiuno. Tras un obvio primeiro posto nas listas de iTunes co seu primeiro sinxelo, e incapaz de repetir o éxito nos dous seguintes (Renuncio e Planeta Azul), situouse de novo no primeiro posto das listas grazas a pór a canción Noche en Blanco na plataforma de Apple de maneira gratuíta. Aproveitando a súa momentánea fama grazas a Eurovisión, e á gratitude do tema, Ruth Lorenzo permitíuse a si mesma ser dobremente premiada con dúas cancións deste primeiro longo como números un das listas de Apple, unha promoción máis que envexable para un álbum debut.

As decisións posteriores de Lorenzo permitiron convertir aquela fama momentánea nunha de longa duración. Debemos volver agora ao primeiro parágrafo desta reseña, onde falaba do seu paso por televisión, para explicar este fenómeno: mediante Tu Cara Me Suena, Ruth Lorenzo tivo a oportunidade de mostrar a súa potente voz a máis de tres millóns de persoas de maneira semanal, á vez que o programa e a cercanía que se intentaba impoñer neste permitía a empatía do espectador coa murciana, permitíndolle gañar así unha base sólida de fans. Tendo en conta isto, a ninguén sorprende que este Loveaholic, nun ano onde a competición por ser a ídola anual do pop estatal ven copada polas novas voces de Operación Triunfo, ademais de coincidir a súa saída cos novos traballos de IZAL e Melendi, debutase o 9 de marzo nunha terceira posición nas listas de iTunes, aínda que a día de hoxe baixara a un noveno posto. Isto podería semellar negativo, pero se vemos a posta en escena que Ruth Lorenzo está e estivo creando ao seu redor, veremos que esta falta de éxito reseñable pode non ser realmente algo malo.

Dende as cores da portada, ao tipo de música creada, e incluso o idioma no que é cantado a maioría do álbum, todo nos recorda á diva do pop neocelandesa Lorde, que ven de lanzar o seu excelente Melodrama (2017), que foi capaz de convencer á crítica, ao público pop máis tradicional e ás voces máis alternativas, sendo capaz de encher os seus concertos alá onde vai, e ao mesmo tempo encabezando os festivais máis importantes do momento, coma o caso do Primavera Sound catalán. Lorde destaca, pero non chega a ser a máis destacada do ano, conformándose cun terceiro, quinto ou séptimo posto das listas do mellor do que foi o 2017, pero á vez consolidándose como unha das artistas máis a ter en conta do momento. Ruth Lorenzo, pola súa banda, ven coa intención de facer o mesmo no Estado Español. O cal é, en todos os sentidos, menos esixente. Polo tanto, aínda que as cores evoquen a Melodrama, nin Loveaholic é este, nin Ruth Lorenzo é Lorde, pero conseguirá manterse estable e gañarse máis dunha crítica de destacado optimismo, sen chegar nós, tampouco, a menosprezar aquí o seu traballo.

Porque no musical, ás veces, Ruth Lorenzo ten máis que demostrar do que na maioría do álbum se presta a facer, onde, se ben a produción soa moderna e consegue non aburrir nin parecer antiga, peca na prominencia que se lle decide dar á voz de Ruth, deixando a un lado producións de complicidade avanzada porque, para vender, é suficiente con recordarnos que a de Murcia ten unha voz intensa e potente. Este descoido xoga a maior mala pasada posible ao traballo de Ruth xa que, pola falta de necesidade dunha mellor produción, música e voz quedan moitas veces inconexas. Claros exemplos disto son os casos de The First Man ou My Last Song, onde a voz de Ruth e a instrumentalización tentan chegar a un punto importante de melancolía, pero son incapaces debido á falta de interese na produción xa comentada antes, que xoga un dobre papel: en primeiro lugar, convirte os temas en mediocres; en segundo, ao ser do ton que figura en todo o disco, créase unha sensación de monotonía que non os permite destacar tanto como se buscaba, senón que se converten noutras cancións sen dúbida ben cantadas, pero sen máis que ofrecer.

Quizás por todo isto, á chegada de Bodies, celebramos sen querer de maneira ata excesiva o cambio de ritmo, a ida da melancolía nos instrumentais, e o descenso da prominencia todopoderosa da voz de Ruth, sendo capaces de espertarnos, facernos cantar e, sen necesidade da aburrida tristeza, emocionarnos. Aquí, menos é máis, sacando todos os erros que a murciana levaba todo o álbum cometendo verdadeiramente á luz.

A falta de necesidade dunha produción avanzada, en moitos casos, axuda a explicar por que o mercado estatal ten en tantas ocasións nas súas listas a artistas doutros países, que traen consigo creacións modernas e destacables. Estas fórmulas, dunha maneira máis cutre, soen ser adoptadas polas produtoras estatais, sen chegar a ser, na maioría dos casos, a sombra dos traballos nos que se basearon. En Loveaholic, Ruth Lorenzo toma os trunfos do mellor pop do momento e téntao levalos a un terreo no que a necesidade de chegar a máis é nula e o conformismo impera, terminando un traballo que podería, cun pouco de esforzo, ter sido algo verdadeiramente bo.

Ruth Lorenzo