Músculo! – Músculo!

26/02/2018 • Autoeditado

por | Mar 14, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Músculo! é un nome que xa leva dando voltas pola escena musical galega durante uns cantos anos. Formados no 2012, esta banda de Valga (Pontevedra) foi desenvolvendo un estilo electrónico propio que os levou por salas de concertos e festivais ao longo de todo o Estado Español. Tras un EP de presentación publicado no 2013, titulado Selección Natural, e un segundo EP lanzado o ano seguinte co nome de Vivac, non puidemos escoitar novo material de Músculo durante os anos seguintes. Sen embargo este 2018 rematou esta espera co lanzamento do seu primeiro disco de longa duración.

Este novo traballo grabado nos Montreal Estudios en Subiza (Navarra), producido por Hans Krugër e a propia banda e mesturado nos estudos Calyx de Berlín trae consigo 7 novas cancións. A banda desenvolve un estilo todavía máis electrónico no que elementos orgánicos como as guitarras, relativamente presentes nos seus traballos anteriores case desaparecen por completo para deixar paso á instrumentación programada e aos sons de sintetizadores.

É tamén moi destacable o cambio radical que se produxo no papel que xogaban as voces nos EPs de 2012 e 2013 e o que xogan neste novo disco. Se antes empregábanse de unha maneira convencional, como en calquera outro proxecto de synth pop, aquí as voces non son as protagonistas melódicas das cancións, senón que funcionan como un instrumento máis.

En xeral este novo disco alonxa a súa ollada de referentes como Silver Apples ou o kraut rock alemán para pousala na música electrónica máis actual. Matense o interese polos ritmos bailables, mais agora búscase moito máis a creación de atmosferas ambientais que os acompañe. Algúns momentos destacados do disco son os pads e a coidada percusión de Island, a enerxía de What We Left Behind  e as harmonías luminosas de Roses.

Con este disco Músculo! logran desenvolver unha proposta cohesionada que funciona perfectamente nunha duración de 40 minutos. Un álbum no que atopamos elementos recoñecibles dos traballos anteriores da banda pero tamén ideas novas. O debut de Músculo! sen ser un disco brillante é un disco bastante redondo no que se aborda un xénero como é a música electrónica que non é dos máis presentes na escena musical galega, razóns de sobra para darlle unha escoita.

Músculo!