por | Mar 14, 2018 | Literatura, Novas | 0 comments

Baía Edicións crea o I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade

A editorial Baia Edicións ven de presentar unha nova iniciativa en forma de premio literario e que estará apadriñada baixo o nome da escritora Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951). A convocatoria do I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade deuse a coñecer co gallo da celebración do 8 de marzo, para promover a educación en igualdade e como homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista.

A editorial convoca tamén outro certame, o Meiga Moira de LIX que xa vai este ano pola oitava edición. A proposta deste novo premio, que dotará con 5.000 € á obra gañadora, é unha chamada a participar con obras que atendan ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.

Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme á normativa vixente. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.

O prazo de recepción de escritos está aberto ata o vindeiro 2 de abril e a obra gañadora darase a coñecer o 25 de xuño.

Bases do premio: http://baiaedicions.gal/pdf/BasesPremioFina.pdf

Máis información: baiaedicions.gal