B: The Beginning esquécese por présa do A

Tras Devilman Crybaby, Netflix demostra que vai en serio co anime e estrea B: The Beginning. O responsable desta obra é o estudo Production I.G., moi coñecido por Ghost in The Shell ou The End of Evangelion. O directores son Yoshiki Kamanawa e Kazuto Nakazawa, responsable do deseño de personaxes de Samurai Champloo e que saltou á fama por dirixir a secuencia animada de Kill Bill Vol. 1. Así, a compañía parece repetir a estratexia de darlle liberdade creativa a nomes xa recoñecidos para que creen, como puido ser o caso de Masaaki Yuasa na mencionada Devilman ou do lendario estudo Bones (Full Metal Alchemist, Mob Psyco 100…) na tamén recente A.I.C.O: Incarnation.

O que se nos plantexa neste doce episodios que dura a obra é supostamente un thriller policial con toques bastante místicos. A acción sitúase no imaxinario reino insular de Cremona, onde un misterioso asasino -chamado “B” porque asina cada vez que comete un crime con esa letra- trae de cabeza á policía. Para conseguir atrapalo, Keith Rihards volve ao corpo tras estar uns anos fora. Por outra banda temos a Koku, un misterioso rapaz que parece ter estraños poderes. Entre ambos altérnase a figura de protagonista.

Se por algo destaca a serie é pola súa dirección e a súa animación, sempre cun gran detalle e profundidade de debuxo como caracteriza a Production I.G. Nótase que é un produto moi ben coidado e cun apartado técnico moi notable. Os momentos onde máis loce son as batallas, onde destacan os primeiros planos e a plasticidade e naturalidade coa que se comporta a cámara. Tamén pola abundante sangue coa que sen ser excesivo non se cortan nin un pelo. A banda sonora tamén é destacable e tanto o  opening como o ending están moi ben escollidos.

O anime pode dividirse en dúas partes moi diferenciadas. Na primeira, de pura investigación policial é inevitable non lembrar a animes como Death Note ou incluso Monster. Esta parte funciona e logra crear a tensión adecuada. Como punto negativo, o uso de deus ex machina para a resolución dos episodios é máis habitual do desexado. Pero sendo honesto, esta primeira parte engancha e está a un nivel bastante alto.

Os problemas importantes veñen na segunda metade. A investigación policial acaba de súpeto e sen avisar. De repente atópaste como nun capítulo métente unha chapa enorme sobre o lore do universo da obra e como o thriller policial desaparece para tornarse nunha loita por amor entre o que poderíamos chamar criaturas sobrenaturais e decisións transcendentais para o mundo e a súa mitoloxía. Todo exposto dun xeito demasiado apresurado sen unhas boas transicións. Esta sensación de contar a historia con presa, chega ata o final. Está ben resolto pero, de novo, os acontecementos chegan dun xeito atropelado.

Se B: The Beggining en vez de doce episodios tivera vinte, é posible que estivéramos falando dun dos animes do ano pero lamentablemente queda nunha obra decente pero con moitos erros. É unha gran idea executada dun xeito bastante mellorable. Ten cousas moi boas e en canto ao puramente técnico destaca notablemente. É unha aposta arriscada que neste caso saíu mal. Pero o que é innegable é que quixeron innovar e facer unha obra distinta. Con influencias recoñecibles pero con personalidade propia. E ese é o camiño.

B: The Beginning


Director
: Kazuto Nakazawa, Yoshiki Yamakawa
Música: Yoshihiro Ike
Guión: Katsuya Ishida
Fotografía: Eiji Arai
Ano: 2018
País: Xapón

Production I.G.