Fotografías por Dani Costas

Slowdive: Choiva, mar e shoegaze

Algo que quizáis case ninguén esperaba de esta década é que fose a da volta do shoegaze. Primeiro no ano ano 2013 o retorno de My Bloody Valentine co seu novo disco MBV, publicado 22 anos despois do seu xa clásico Loveless, pillounos completamente por sorpresa. Soamente un ano despois Slowdive voltaban a subirse aos escenarios, tras un parón de case 20 anos. Pero a cousa non quedou aquí, foi tamén neste ano 2014 no que os tamén británicos Ride retomaron a súa actividade.

O shoegaze nunca foi un xénero que tivese un éxito moi destacable nos anos 90. Funcionando en todo momento como un movemento alternativo e underground, desenvolveuse unha proposta moi rompedora no contexto da música rock de hai 20 anos. Por estas razóns esta volta das principais bandas do shoegaze non ten tanto de nostalxia como de recoñecemento.

Non penso que un concerto de Slowdive no ano 1993, no que a banda publicou Souvlaki, seu disco de culto, tivese arrastrado a un grande público na cidade de Vigo. E moi probablemente moitos dos asistentes se sentisen algo desconcertados ante ese estilo etéreo, caótico e psicodélico que pouco tiña que ver con aqueles xéneros alternativos que se podían escoitar na radio por aquel entón, que non ían moito máis lonxe do grunge estadounidense. Sen embargo este 10 de marzo de 2018, un día marcado polo vento e pola constante choiva, Slowdive conseguiron encher o hall do Auditorio Mar de Vigo ante un público entregado.

Foron sen embargo os franceses Dead Sea quenes subiron primeiro ao escenario. Autodefinidos como turbo chillwave, esta banda que aínda está comezando a despegar, con unicamente dous singles publicados, deu un concerto solvente no que se conxuntaron guitarras atmosféricas, elementos electrónicos que lembraban a Grimes, as melodías de Beach House e un baixo que nos lembraba dalgunhas das principais bandas do post-punk dos anos 80.

Preto das 22:30 Slowdive deron comezo ao seu concerto con Slomo, o tema que abre seu novo traballo, nacido de esta reunión que deu comezo hai xa catro anos. A vertente máis dream pop do último disco da banda, o LP homónimo lanzado o ano pasado, compaxinouse perfectamente co estilo máis noise dos seus dous primeiros discos. Un exemplo disto é que a segunda canción en soar no concerto dos de Reading foi Slowdive, incluída nun EP, tamén homónimo, publicado no ano 1991. Dous traballos separados por 26 anos mais que xuntos funcionaron á perfección.

Durante o resto do concerto a banda continuou esta dinámica de repasar os temas máis destacados de toda a súa carreira xunto a seu novo material. No setlist non faltaron sinxelos como Catch the Breeze, Alison ou a máis recente Star Roving. Sen embargo entre os momentos máis destacados do concerto tamén se atoparían os fascinantes ecos de Souvlaki Space Station e unha versión da canción Golden Hair de Syd Barrett que nos deixou a todos coa boca aberta.

Este concerto resultou unha carta de presentación redonda para o Super Bock Under Fest. Este novo festival celebrarase na cidade olívica entre os días 23 e 24 de marzo, en ata 10 recintos distintos distribuídos ao longo de toda a cidade, e no que actuarán máis de 20 bandas. De momento o cartel inclúe, tras esta actuación de Slowdive, a artistas como Benjamin Clementine ou The Soft Moon.

Slowdive

Dead Sea