IZAL – Autoterapia

09/03/2018 • Hook Ediciones Musicales

por | Mar 13, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Sería ao redor de 2013 a primeira vez que escoitei falar de IZAL. Estaba eu a vivir na cidade de Oviedo, e os de Madrid andaban a xirar co seu álbum debut, Magia & Efectos Especiales (2012). Moitas amizades falaban deles, e decidira naquel momento a botarlle unhas primeiras escoitas a algo que parecía prometer. Imaxinade a miña decepción cando vin que nada ían aportar os de Mikel Izal á miña vida. E non son unha persoa que lle faga ascos a moita cousa, mais á hora de chegar aos madrileños atopeime un son entre o indie máis masivo e pouco atractivo e un son de cantautor que nada tiñan que ofrecer á industria musical. Nada novo, nada destacable, senón unha repetición de fórmulas que a moitos outros lles funcionaron. Un pouco de sorte, e a fama estaba asegurada. Sen embargo, hai algo a destacar ao seu favor: e é que, aínda que a min me horroricen, souberon, dende a autofinanciación, chegar ao seu público, e se están onde están é de maneira merecida.

Dende entón, IZAL non se cortaron en sacar álbumes. O ano seguinte do seu debut, saíu adiante Agujeros de Gusano, dunha calidade incluso inferior ao anterior. Entre xiras, puxeron pausa un par de anos antes de sacar Copacabana (2015), publicitado no seu momento ata a saciedade, e dándolles outra oportunidade que, unha vez máis, acabou en desastre. Si, chego a este Autoterapia con prexuizos, mais máis de un artista me fixo tragarme palabras coma estas en máis dunha ocasión, polo que abría ás miñas mans totalmente ao que IZAL podían traer neste, o seu cuarto álbum.

Supoñemos que, chegados a un cuarto álbum, hai varias cousas sobre a mesa: en primeiro lugar, nun mundo onde a competitividade é tan grande (onde, ademais, a desvalorización creada pola moda deixa a moitos artistas fora do mercado), se chegas a publicar unha cuarta obra, normalmente débese a que algunha discográfica confiou en que, a través de ti, podían conseguir cartos. O segundo, e onde se pode valorar máis o traballo estritamente musical, é que un cuarto álbum é xa o traballo consolidado dun artista cuxa repercusión débese a unha superación das modas a prol dunha madurez musical clara. No caso de IZAL, se ben contan coa primeira das cousas na súa mesa, escasean no avance musical. Axudados pola moda momentánea, os madrileños aproveitan a súa capacidade económica, agora maior, para producir un álbum que, sen chegar a ser diferente, si pode contar cuns arranxos feitos por profesionais do sector baixo unha maquinaria técnica de maior calidade que grupos de menor repercusión non se poden permitir, levándoos a unha marxinalidade inevitable.

Dentro de esta capacidade técnica maior, si podemos observar como, aínda sen saírse do seu estilo, IZAL conseguen lograr certos trunfos: Autoterapia, El Pozo ou Temas Amables son claros exemplos onde esa produción máis tecnicamente precisa consegue funcionar. Non imos atopar nada incrible en Autoterapia. Non é un álbum apto para aqueles que non sexan fans do grupo, interesados en máis do que xa ofreceron unha e outra vez. Se dedicaches tempo a escoitar os seus albumes mais nunca che convenceron, tal vez en temas como os anteriores atopes algo de luz, mais non serán casos de calidade, senón pequenas concesións e salvacións.

IZAL