David Byrne – American Utopia

09/03/2018 • Todomundo Ltd

por | Mar 13, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A estas alturas David Byrne xa non precisa de ningunha presentación. Tras décadas sabendo conxuntar a sensibilidade pop cos riscos e a experimentación como poucos, ben cos Talking Heads ou nos seus traballos en solitario, un novo disco de este músico mitade americano mitade escocés sempre será un acontecemento ao que deberemos prestar a nosa atención.

American Utopia é o primeiro disco firmado únicamente por Byrne dende 2004 tras tres traballos previos en forma colaborativa como foron Everything That Happens Will Happen Today (2008) xunto a Brian Eno, Here Lies Love (2010) xunto a Norman Cook e Love This Giant (2012) xunto a St. Vincent. Non debería resultar sorprendente polo tanto que as expectativas por este novo disco en solitario eran altas. Sen embargo tras darlle unha escoita a American Utopia a sensación que deixa é un pouco fría.

Non se trata de un mal disco, todo hai que dicilo, mais si que é un álbum que non toma moitos riscos, cando os toma non sae de todo triunfal de eles, e cando queda na zona de confort o resultado non é tan interesante como en outros traballos de David Byrne. A cousa comeza con I Dance Like This unha canción que ten un certo tono bipolar, alternando partes tranquilas nas que a voz é acompañada case únicamente por un piano con outros tramos máis escuros e electrónicos nos que o compoñente rítmico gaña peso en detrimento da melodía. Esta pista é seguida por Gasoline and Dirty Sheets, que xunto a Everybody’s Coming To My House e Doing The Right Thing son as cancións máis redondas que podemos atopar neste traballo.

Realmente se algo fai que este traballo non sorprenda é a cantidade de discos e cancións memorables que David Byrne lanzou previamente. Hai certas cuestións respecto a este novo álbum que non se poden negar, a produción é excelente, e Byrne é capaz de dar unha certa continuidade temática a este traballo que fai un chamamento aos pensamentos positivos en tempos pesimistas.

David Byrne