por | Mar 12, 2018 | Libros, Literatura |

Balea: O trunfo da colectividade submarina

Ten gracia que fose a propia editora pontevedresa Kalandraka a que, entre contactos, nos suxerira facer unha reseña a esta obra. É algo moi especial para mín facela por compartir nome co noso pequeno proxecto, así como por ser a primeira vez que me aventuro públicamente a escribir algo sobre literatura e, en especial, a miña pequena paixón, a banda deseñada.

Cando unha persoa cerca de medio século de vida colle un traballo como Balea, en primeiro lugar cólleo con dúbidas debido a que, obviamente, non é o seu principal obxectivo. En segundo, tenta deixar atrás esas cousas e reconectar co seu neno interior para desfrutar de novo dalgo que, en principio, non debería. Sen embargo, e co que acabo de dicir, se un libro é bo, non importa a idade para saber obxectivizar o que estamos vendo. No caso de Balea, de Fernandez & González, temos un caso así.

O libro conta cunha contraportada na que ven explicada a mega-ilustración que imos achegar aos nosos ollos: nela, explícannos que estamos ante un novo tipo de transporte marítimo, así como un novo sistema residencial, onde se tomou como referente a balea azul, o animal máis grande do mundo, que pode medir entre 24 e 27 metros. Dentro dese transporte, polo tanto, vive unha gran cantidade de xente que non só viaxa, senón que vive e traballa dentro deste submarino tan especial, creando un pequeno ecosistema no que non falta de nada, dende as salas de máquinas (situadas onde estaría o cerebro da balea), ata unha granxa onde son criados porcos e galiñas, pasando por diferentes habitacións, duchas, hortas, e incluso unha gardería. Todo está preparado dentro para vivir durante longas tempadas dentro do submarino-balea, e non faltan detalles para que nos creamos que isto pode funcionar: a horta conta con grandes lámpadas, iluminando de pleno as plantacións, e na boca da balea, ao contactar directamente co océano, os submarinistas levan bombonas de osíxeno e pequenos submarinos, preparados nunha antecámara superior para esta fazaña. Tamén, a obra está chea de pequenos detalles de interacción entre as viñetas, facendo que non sexa algo individual, senón entrelazándoas todas unhas cas outras, sendo estes detalles dende simples tubos que conectan salas, ata un ancián queixándose do ruído que se está a facer no concerto da sala inferior.

Na outra banda do despregable, despois de ver o contido interior do submarino, podemos observar como se ve dende o exterior a gran construción na que esta comunidade anónima viaxa, onde diferentes animais marítimos viaxan ao son da gran hélice que marca o ritmo da viaxe. Tamén podemos observar diferentes submarinistas que, ou traballan para que a máquina continúe o seu camiño, ou simplemente desfrutan dun momento de ocio en medio do mar.

O trazo de Federico Fernández para as figuras son finas, deixando moita facilidade a Germán González para que as súas cores enchan de vida, aínda con tons relativamente apagados, a gran cantidade de viñetas que toman forma ao redor da balea azul. Á hora de debuxar o contorno da balea, os tons e o lapis vólvense máis intensos e duros, achegando González os grises para crear o sombreado, e dándolle o toque metálico necesario para que o que estamos vendo nos pareza unha verdadeira máquina xigante aos nosos ollos.

Un dos verdadeiros acertos do libro é que non fallan, salvo na excepción dun calamar que parece tocar a guitarra, á hora de achegar a realidade aos máis pequenos, á vez que desfrutan dos debuxos. Os detalles como a iluminación da horta ou a necesidade de osíxeno para contactar coa auga directamente son parte destes detalles, pero hai máis. As salas de máquinas están no cerebro perfectamente colocadas como unha referencia real ao funcionamento do sistema nervioso. Por outra banda, nunha parte do interior do submarino unha serie de individuos miden e traballan cos restos dunha balea azul real, que lles serve, posiblemente, para manter unhas medidas o máis exactas posibles da súa creación, pero tamén leva impreso que os propios autores saben que, aínda que a balea azul sexa o animal máis grande do mundo, non podería albergar no seu interior a tantos individuos. Sen embargo, vemos que non é que sexa do tamaño exacto de ditas baleas, senón que se está creando o submarino a unha escala superior ao tamaño real da balea.

Outro achegamento que ten cara os máis mozos esta obra é mostra da necesidade da colectividade para o avance social, a cal tamén, aparte de mostrala, fan ver que é algo funcional. Dentro do submarino, todas traballan, cumprindo unha función para dita sociedade, pero tamén teñen os seus momentos de ocio. Non fallan os autores á hora de crear e transmitir este sentimento en cada unha das súas viñetas, onde o traballo está separado en sectores, onde, con indiferenza do seu xénero, todas traballan e desfrutan do seu ocio de maneira igualitaria.

Balea é unha obra menor, na que ás veces podemos sentirnos confundidos entre todo o que está a pasar, e onde a mensaxe ven pola porta traseira da obra, mais que funciona, ilusiona e entretén, sen deixar de lado en ningún momento ningún detalle ao aleatorio e conseguindo que todo estea ben relacionado.

Balea


Debuxo
: Federico Fernández
Cor: Germán González
Ano: 2015
País: Galicia
ISBN: 978-84-8464-977-9

Kalandraka