Select Page

Atrás Tigre – Fainos saír

17/05/2017 • Triunvirato

por | Mar 9, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Fainos saír é o primeiro disco de longa duración de Atrás Tigre tras seu EP homómimo. Un disco de pop, con grande presenza dos sintetizadores, grabado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma do Hío en Pontevedra. É un disco que ten momentos de luz pero tamén de escuridade, un disco que deixa unha semsación agridoce, ata certo punto melancólica.

A estrutura das cancións e a súa instrumentación é constante ao longo de todo o traballo. Hai poucas sorpresas, por así dicilo, exceptuando a primeira parte instrumental do combo de Tristeza soberana. Os arranxos buscan a sinxeleza e en xeral móvense na liña do indie pop, no que entre certos momentos se poden apreciar algunhas outras influencias como poderían ser o post punk na base rítmica da canción Fainos saír. Hai certos momentos nos que as instrumentacións vólvense algo máis ambiciosas como en A chegada dos cans, onde podemos escoitar algunhas trompetas, ou no corte final do disco, Este é o rostro, no que aparecen cara o final uns instrumentos de corda que dotan de bastante beleza ao son de esta canción.

Fainos saír é sen dúbida un disco ben construído, mais que sen embargo de algunha maneira logra deixarme con unha certa sensación de frialdade. Penso que en boa parte pode ir da man con que as interpretacións vocais, un dos elementos máis importantes á hora de transmitir a emoción neste tipo de música, nunca chegan a ser o suficientemente atrevidas.

Así mesmo ese tono do disco, a medio camiño entre o estilo alegre do pop e uns ambientes máis escuros e melancólicos como os de Tristeza soberana non me remata de funcionar de todo. Teño a sensación de que me deixan a medias entre unha cousa e a outra sen chegar a percibir con claridade que é o que busca transmitir exactamente o traballo. Ou quizáis é xustamente esa sensación que nin é unha cousa ou a outra a que busca este disco. Non sabería dicir, así que anímovos a escoitalo para que cheguedes á vosa conclusión sobre este asunto.

Atrás Tigre