Select Page

Margarita Ledo recibe o Premio Otero Pedrayo convertíndose na primeira muller galardoada dos premios

Coincidindo co 130 aniversario do nacemento de Ramón Otero Pedrayo, a catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, cineasta, escritora e académica da RAG, Margarita Ledo Andión, recibiu onte en Pontevedra o Premio Otero Pedrayo, convocado anualmente desde 1977 pola Xunta e as Deputacións para recoñecer a traxectoria de personalidades que contribuísen a fomentar a cultura galega. A intelectual destacou no acto celebrado no Museo Provincial a influenza que o ourensán tivo na súa carreira xornalística, investigadora e política.

Margarita Ledo é a primeira muller que recibe esta distinción e, neste caso, o xurado a través da tamén escritora Fina Casalderrey salientou a coherencia das súas conviccións e a súa intelixencia, ademais do seu papel como pioneira no uso de xéneros audiovisuais inéditos no País, a perspectiva de xénero empregada en todos os seus traballos e investigacións ou a defensa do idioma galego e a identidade propia de Galicia.

A premiada lucense insistiu no seu discurso na necesidade de reivindicar o papel da muller para loitar contra as desigualdades en todos os terreos. A este respecto, Ledo remarcou que “máis aló” da semana do 8 de marzo as mulleres sigan loitando por “chamar a atención” sobre os “mecanismos visibles e latentes” que buscan afianzar a “submisión e desprezo” das mulleres. Lamentou que o premio tardase 40 anos en recoñecer a traxectoria dunha muller e recalcou a importancia de 2018 para facer visible o traballo de mulleres intelectuais como a profesora María Victoria Moreno e a poeta Xohana Torres, tras anos nos que estas figuras femininas foron “historicamente relegadas”.

Na cerimonia, actuou Xonxas, e a galardoada recibiu unha escultura da silledense Elena Colmeiro.