Select Page

Execútase o secuestro de ‘Fariña’ afectando tamén á versión en galego que prepara Xerais

O Xulgado número 7 de Collado Villalba (Madrid) executou este luns o secuestro do libro Fariña, de Nacho Carretero, 11 días despois de que o exalcalde do Grove, Alfonso Bea Gondar, depositase unha caución de 10.000 euros para o cumprimento da medida cautelar, aceptada nun auto datado a 12 de febreiro. Esta medida, ademais do propio libro tras dous anos e medio á venda, afecta á edición en galego que Xerais prevía publicar este ano. Non se impide, sen embargo, a emisión da serie homónima en Antena 3.

Ainda que desde que transcendeu a orde de secuestro, Libros del K.O admitiu un importante repunte das vendas, a pequena editora resaltara que a medida podía traer consigo un importante prexuízo para a súa actividade. “Para unha editorial pequena é un dano moi grande e que podería ser irreparable“, declarou Nacho Carretero na Cadena SER, quen lembrou ademais que Bea Gondar só sae reflectido en dúas liñas do libro para referirse a feitos que “foron probados”.

Edicións Xerais de Galicia, titular dos dereitos en galego de Fariña, acatará a decisión xudicial de paralizar esta edición, ainda que confía en que se alcance unha “solución desde a liberdade de edición” para o libro e que se poida “levantar a medida cautelar” para proceder á difusión da obra en galego, cuxa saída estaba prevista para as próximas semanas.