Eu, Tonya: Crebando o xeo dos biopics

No panorama cinematográfico actual estase a dar unha dinámica na que os biopic (biografías audiovisuais), cobran especial protagonismo ano tras ano, encontrándonos con filmes que serven practicamente coma haxiografías, e que non se sosteñen por si mesmos mais aló da persoa que tratan.

Desta volta encontrámonos con “I, Tonya” (Craig Gillespie, 2017), filme que narra as peripecias da patinadora sobre xeo americana Tonya Harding, personaxe público moi famoso durante os inicios da década dos 90, tanto polos seus logros deportivos como pola súa vida privada, salpicada de polémica.

En I, Tonya, xa nos comezan advertindo nada máis comezar que a película está construída a partires de entrevistas reais cos protagonistas da historia, testimonios que as veces se contradín, feito que está transportado ao filme, creando unha narrativa baseada en varios puntos de vista que a enriquece e lle da certa orixinalidade, correndo uns riscos que os biopic non están afeitos a cometer.

A película manéxase na dramedia case por definición, xa que a historia da patinadora americana é tan absurda como dramática. O énfase cómico está soportado por todo o electo de personaxes secundarias, especialmente na descarada e odiosa LaVona, nai de Tonya, interpretada maxistralmente por Allison Janney, gañadora xa do BAFTA e do Globo de Ouro á mellor actriz secundaria, favorita na categoría para o Oscar. O humor da película é por momentos moi negro, usando temas coma a violencia de xénero.

Margot Robbie da vida de maneira brillante a Tonya Harding. Nela apóianse os momentos máis dramáticos e climáticos do filme. Mais aló da preparación física das escenas de patinaxe, o máis impresionante da interpretación é como traslada a axetreada vida de Tonya a través das súas expresións corporais e faciais.

Tonya Harding sufriu violencia de xénero de maneira regular, as esixencias dunha nai que nunca exerceu coma tal, as inxustizas en competicións por parte dos xurados xa que “non era o modelo de muller americana que queremos amosar nas Olimpiadas” e, por último, a súa relación tóxica acabou coa súa carreira de patinadora, sendo odiada por todo o país. (O feito que desencadea isto, parte central do filme, non é tan coñecido en España, polo que non vos farei spoiler, que así ten máis emoción).

Todo isto trasládase ó filme desde o punto de vista dela, construíndo unha muller moi real, traballadora, forte, mais á que lle impiden avanzar por culpa da súa pouca elegancia e feminidade. A película ensalza a figura da deportista, aínda que tamén da conta dos seus erros. A interpretación de Margot Robbie está nominada ó Oscar, pero é certo que hai unha competencia espectacular para a Mellor Actriz Protagonista.

A estrutura da película, aínda que cronolóxica, faise complexa por esa variedade de puntos de vista e o efectismo dunha montaxe que salta adiante e atrás no tempo, cortando a historia principal coas entrevistas reais recreadas para o filme, que nos fan profundizar nos personaxes, que dan a súa opinión sobre os feitos ó mesmo tempo que no-los amosan (o exemplo máis claro deste tipo de montaxe atopámolo en Modern Family).

A factura técnica e de realización do filme é o máis anodino, destacando aínda así as escenas onde se fan os exercicios de patinaxe sobre xeo, retratadas de maneira moi fiel. Todo o produto está aderezado cunha banda sonora chea de éxitos rockeiros dos oitenta e noventa, feitos ou versionados por mulleres, na liña do carácter da protagonista.

En definitiva, atopamos en I, Tonya un filme biográfico atrevido e divertido, que coma Tonya Harding sáese fóra do habitual, arriscando na súa maneira de contar a historia e co seu humor, cuxa boa crítica espero que valga para crebar eses témpanos de xeo estilísticos que son os biopic. Coma nun exercicio de patinaxe, un maior risco implica unha maior puntuación, aínda que a película non aterre no xeo igual de ben para todo o mundo.

Eu, Tonya
(I, TOnya)


Director
: Craig Gillespie
Música: Peter Nashel
Guión: Paul Thomas Anderson
Fotografía: Steven Rogers
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Clubhouse Pictures / LuckyChap Entertainment / Neon / 30West / Ai Film