Esposa – Xardín interior

31/03/2017 • Prenom

por | Mar 6, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O primeiro disco de longa duración da banda galega Esposa, Xardín interior, é un traballo que se move todo o tempo dentro das coordenadas do pop mais que sabe empregar puntualmente e de maneira acertada elementos de outros xéneros como o garaxe. É un disco no que as guitarras conviven cos sintetizadores e no que as principais protagonistas son sempre as melodías vocais.

O disco empeza de maneira tranquila con Madreperla e canción a canción vai gañando máis enerxía. En Xardín interior sube un pouco o ritmo. En Aquí a voz comeza a aumentar a intensidade ata chegar ao garaxe e o grito final de Autómata. Esta escalada enérxica culmina finalmente coas guitarras case noise rock de Bas Jan Ader. Este comezo funciona de maneira moi axeitada, como unha evolución constante que vai sumando continuamente, sen retroceder en ningún momento.

Tras este comezo e o descanso de Sabe a limón atopamos unhas cantas cancións que retoman ese espíritu pop máis tradicional, as cales funcionan axeitadamente mais sorprenden menos. Xa cara o final do disco o garaxe fai outra aparición en Disfraz de coello e os sintetizadores toman o protagonismo en ‘Okey’.

O peche do disco con Extraterrestre rompe de nove o patrón con unha canción con unha estrutura menos pop, con intres que se dan un aire a unha pequena jam e con aparicións esporádicas de guitarras fortemente distorsionadas. Xardín interior é un disco correcto, con certas ideas moi acertadas pero ao mesmo tempo temén un disco que non é especialmente atrevido, sen embargo dentro do panorama do pop en galego é un traballo moi benvido.

Esposa