por | Mar 5, 2018 | Literatura | 0 Comentarios

A ciencia ficción e a LIX son compatibles: Aventura espacial

A ciencia ficción non é un xénero tan habitual no que respecta á literatura infantil e xuvenil. É un dos motivos que me chamase a atención esta novela editada por Bruño e que conta con Pedro Ruiz García como autor: Aventura espacial.

Sinopse

Hai 92 anos un meteorito impactou contra a Terra; case toda a humanidade pereceu, excepto os afortunados que foron elixidos para habitar La Salvación, unha cidade espacial artificial creada para perseverar a especie. 92 anos despois, tres rapaces descubren que, se cadra, as cousas non son como sempre pensaron. Saturno, Irache e Modesto iniciarán unha investigación, que comeza coma un traballo de clase e terá consecuencias insospeitadas.

aventura espacial

Nesta historia, Internet é un sistema obsoleto (ilustración: Francesc Rovira)

A hist0ria

Saturno é un rapaz linguateiro, razón pola que non ten moitos amigos. A cidade de La Salvación é unha urbe tediosa, na cal todo o mundo obedece as leis e nunca hai delitos; pero el é un experto en acumular sancións por saltarse os toques de queda. Un día, como é habitual, retrásase no camiño a casa, e ve algo inesperado. A partir dese momento, a trama xirará en torno a investigación que emprende xunto con dous compañeiros, moi diferentes a el pero cos que acaba por trabar amizade.

É inevitable comparar a sociedade de La Salvación coa de Un mundo feliz (salvando as distancias, claro está): é un mundo no que todo ten o seu lugar, seguro e onde os habitantes teñen o seu lugar ben definido; tamén existe o homólogo do soma nesta historia. Non imita a mensaxe pesimista da obra de Huxley, deixando un raio de esperanza para a humanidade.

Opinión

O libro plantexa unha idea moi interesante, que a algúns pode non gustar: a desobediencia xustificada. A poboación de La Salvación vive nunha mentira, e cando Saturno e os seus amigos investigan, deben ignorar as advertencias e rexeitamento do seu entorno, incluso dos seus propios pais. Porén, cando todo queda ao descuberto, demóstrase que esa desobediencia era necesaria para o ben común.

Como punto fraco, diría que nalgunhas escenas peca de falta de verosimilitude (e non me refiro á increíble organización, tan repentina e ben coordinada, da humanidade ante o inminente impacto dun meteorito). Neste tipo de historias o narrador establece un pacto co lector, de xeito que este creerá certos elementos fantásticos do mundo creado (punto extra pola cadeira aerostática de Irache). Pero chocoume, por exemplo, a facilidade coa que os rapaces chegan ao fondo do asunto. Nunha cidade con tanta tecnoloxía, e que oculta un segredo tan importante, non parece probable que tres escolares poidan descubrilo mentres fan un simple traballo.

De todos xeitos, agradécese este tipo de historia destinada a un público máis novo. É diferente, é orixinal, e é divertido. As personaxes están ben definidas, tendo uns roles determinados. Os tres rapaces protagonistas son marxinados por razóns distintas (Saturno sempre fala a destempo, Irache é unha sabichona, e Modesto nunca abre a boca). Estas características distintivas poden axudar a que o lector se senta identificado, porque, quen non se sente diferente?

Conclusión

Lectura recomendable para iniciar aos rapaces no mundo da ciencia-ficción, de doada lectura e cunha temática interesante.

Aventura espacial


Autor
: Pedro Ruiz García
Ilustración: Francesc Rovira
Ano: 2008
País: Galicia
ISBN: 978-84-216-5404-0

Bruño