por | Mar 4, 2018 | Cinema & TV, Oscars 2018 |

O instante máis escuro: O cambio da realidade pola emotividade

Á hora de achegarnos á filme de O instante máis escuro, hai que ter moi en conta que non imos ver a realidade tal e como foi, senón que, como en todos as filmes biográficas deste tipo, imos achegarnos a unha versión edulcorada da realidade, onde o protagonista será posto como un ser humano imperfecto co que nós sexamos capaces de empatizar. E con nós, neste caso, refírome á clase traballadora. Non é sinxelo que, en pleno século XXI, empaticemos cun home anti-fascista, capaz de facer as mil e unha por salvagardar o seu país dos nazis? E se ademais disto completamos a ecuación cun rostro amable e errático, a vitoria do discurso que nos queren mostrar é indiscutible.

Ou, polo menos, debería selo. Se nos paramos a pensar no historial de Winston Churchill, non nos gustará enfrontar os feitos co que se mostra na película. Non nos gustará ver como ese home cheo de dúbidas, errático, sarcástico e terno tiña detrás unha máscara na que no pasado celebrara como Mussolini conseguira a desintegración dos aparatos de organización da clase obreira, ou a cantidade de citas e discursos que podemos atopar nos que as súas palabras son en contra da Unión Soviética, o socialismo ou simplemente a asociación do pensamento de esquerdas coa inmadurez mental.

O Winston Churchill que nos presenta O instante máis escuro está moi lonxe diso. O seu compromiso anti-fascista parece innegable, e as súas palabras, enaltecedoras da patria británica, parecen lanzadas a chegar ás masas populares. Mais, a motivación de Churchill era esta? Claramente, non: as intencións deste non eran unha loita encarnada coa inxustiza, senón un medo inherente á situación política que se estaba a vivir, onde o que estaba en risco non era a liberdade das clases populares británicas, senón a perda do Imperio Británico a prol dos alemáns. Con isto como bandeira encuberta, a exaltación de Churchill da patria británica e da liberdade individual converteuse na mellor arma da clase burguesa británica para conservar o seu poder, lonxe de posibles derrocamentos populares ou crecemento do poder deste, sendo controlados estes sentimentos e postos no favor do discurso creado por Churchill.

O instante máis escuro insiste na humanización ata a medula da personaxe de Winston Churchill. Errático, dubidoso e emocional, non dubidan en mostrarnos ao Primeiro Ministro británico tendo ataques de pánico, emocionado e nervioso, chorando de emoción ante as clases populares e os sentimentos destas, cando a realidade das accións era moi diferente, ou cortado á hora de discernir debido aos seus sentimentos. Sen dúbida, tras isto preséntase un gran traballo á hora de interpretar á personaxe por parte de Gary Oldman, que consegue mostrar con moito tino toda a carga sentimental que Joe Wright puxo na personaxe. Non hai grandes tachóns nunha actuación deste calibre, xa que consegue plasmar con totalidade as inquietudes que se desexan mostrar.

Lonxe do traballo de Gary Oldman na personaxe protagonista, a película quédase en nada. Toda a lista de actores e actrices que acompañan ao personaxe principal teñen cero evolución, sendo excepcionais dous simples cambios de parecer cara Churchill por parte dunha personaxe o máximo cambio evolutivo, actuando todas as personaxes secundarias como unha simple ponte pola que a historia pode seguir correndo. A personaxe de Elizabeth Nel (Lily James) aparece case como co-protagonista da filme, aportando soamente unha sensación de admiración acrítica cara Winston Churchill. Kristin Scott Thomas, que interpreta á súa esposa, desenvolve un papel similar, mais preséntase con máis complicidade co protagonista debido á súa situación sentimental. As personaxes de Jorge VI (Ben Mendelsohn), Lord Halifax (Stephen Dillane) e Neville Chamberlain (Ronald Pickup) teñen a simple tarefa de confrontar con Churchill polo ben de que as súas inseguridades se expresen na filme e a trama poida avanzar ao redor desta cuestión.

No apartado máis técnico, sen deixar toques de graza, Dario Marianelli outorga certa profundidade aos momentos de tensión grazas á súa música, capaz de, aínda que achegándose aos estándares do tipo, transmitir sensacións de intranquilidade cando son necesarios. O uso de cámaras procedentes do interior da acción que se elevan lentamente ao exterior conseguen aumentar está tensión: a historia transcorre en pouco tempo, e as accións desenvólvese de forma frenética. Eses momentos nos que se decide utilizar dita cámara transmiten unha sensación de calma nerviosa, como se as personaxes estivesen, ante o impacto da escena, tomando un pequeno respiro para pensar con claridade.

A fotografía, se ben tenta aumentar a sensación de emotividade que impera na película, queda máis forzada do intencionado, non chegando a transmitir máis, senón conseguindo un resultado de vaguidade artística.

Algo que consegue lograr a filme é apropiarse indirectamente do resto de éxitos da carteleira do momento. Terriblemente enlazada, case directamente relacionadas, a trama de Darkest Hour coincide en tempo e necesidade política con Dunkerque (Christopher Nolan, 2017), sendo as partes relativas aos eventos da cidade francesa testemuñais, mais chegando directamente á nosa mente os eventos dela debido á asociación con dita filme.

Nunha das primeiras escenas da filme, Winston Churchill comenta con sarna como case se queda atrapado en medio dunha folga xeral, sendo este menosprezo á clase traballadora o momento máis verdadeiramente sincero de toda a longametraxe. Darkest Hour é unha biografía errada e sesgada, onde as verdadeiras intencións e motivacións da personaxe déixanse atrás co motivo de vender un produto e unha idea de grandeza falsa que se leva moito tempo xestando nas nosas cabezas, acercando á personaxe ás nosas preocupacións e dúbidas para que nos sexa máis fácil empatizar con el, máis ocultándonos verdades polo camiño.

O Instante Máis EsCuro
(Darkest Hour)


Director
: Joe Wright
Música: Dario Marianelli
Guión: Anthony McCarten
Fotografía: Bruno Delbonnel
Ano: 2017
País: Reino Unido

Working Title Films