Select Page

Os arquivos do Pentágono, unha oda á liberdade de prensa

Moitas voces din que Steven Spielberg é un director morto, que a súa creatividade quedou nos anos noventa. Algúns din que volveu con Os arquivos do Pentágono, outros que simplemente é un espellismo dunha grandeza xa perdida fai moito. Pola miña parte, opino que, fóra dese tema, é unha película moi oportuna para os tempos que corren na actualidade.

A película sitúanos en 1971. Dende a perspectiva do xornal The Washinton Post, nárrase como foi internamente a publicación duns documentos internos gobernamentais por parte deste medio máis do New York Times. Nestes probábase que ao longo de moitos anos ao pobo negóuselle a verdade sobre a Guerra de Vietnam. Distintos presidentes de distintos partidos mais a mesma mentira e o mesmo encubrimento. Unha morea de mortes nunha escalada belicista sen sentido.

Os Arquivos do Pentágono (Steven Spilberg, 2017)

As dúas personaxes principais teñen unha interpretación á altura. Meryl Streep é Katy Graham, a dona do xornal. Unha muller que demostra ter unha honestidade e a conciencia do que é un medio de comunicación que xa non teñen os dirixentes actuais dos xornais. Emprazamentos dedicados a fondos de inversión e tecnócratas. Ademais é preciso destacar que é unha muller moi forte que lle planta cara a todo e a todos. Ten unha subtrama de carácter feminista que realmente está moi ben integrada na obra. Pola súa parte, Tom Hanks é Ben Bradlee, o director do Washinton Post, un xornalista que lle dan igual as consecuencias legais polo ben de facer o seu traballo, informar ao pobo. Ser o cuarto poder.

En canto ao desenvolvemento do filme, a primeira parte é bastante molesta e cun exceso de diálogo bastante innecesario mais cando avanza, tórnase nun bo thiller xornalístico cun guión solvente e de gran interese a pesar de que xa se saiba como vai acabar a historia. Poderíamos dicir que é a herdeira espiritual de Spotlight. De feito, parte dos guionistas son comúns en ambas cintas e iso nótase.

Vivimos momentos de libros secuestrados, rapeiros condenados e exposicións en museos censuradas. Un chamamento á liberdade de prensa é moi oportuno. Estamos acostumados a ver xornalistas que se autocensuran polo ben do seu porvir. Onde os medios de comunicación desinforman e confunden aos seus usuarios. Onde o lector tórnase en consumidor, prosumidor ou como se lle chame xa na Academia. As situacións vividas na película xa non son posibles. Parece bastante improbable non xa que un dono se molle en pos da información, senón que un tribunal o apoie. Cando os que se encargan de regular as leis limitan esta clase de feitos, é que estamos nunha senda moi escura da que vai ser moi complicado saír. Non se ve nada entre o negro.

Os Arquivos do Pentágono (The Post)


Director
: Steven Spielberg
Música: John Williams
Guión: Liz Hannah, Josh Singer
Fotografía: Janusz Kaminski
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Amblin Entertainment / DreamWorks SKG / Pascal Pictures / Participant Mediany