Carlos Núñez – A Irmandade das Estrelas

1996 • BMG Ariola, S.A.

A sintonía de cabeceira da serie Fariña, estreada este mércores en Antena 3 aproveitando o tirón que supuxo o secuestro do libro, contén un sampler dunha canción de Carlos Núñez chamada ‘Cantigueiras‘ nunha versión interpretada por Iván Ferreiro xunto a Guadi Galego e outros artistas. Púxenme o cedé de Núñez tras saber deste dato e redescubrín unha gravación capital. Supoño que por iso estou hoxe aquí, nos nosos sábados de lembranzas, para rememorar un disco galego que non debera ser esquecido.

A Irmandade das Estrelas (1996) é o título do primeiro álbum do gaiteiro e frautista galego Carlos Núñez. Malia ser un disco de enormes repercusións comerciais e populares, sempre me chamou máis o segundo, Os amores libres (1999). Non obstante, o primeiro é un disco inmenso, tan completo e satisfactorio para calquer público que con razón estivo tantas semanas no máis alto das listas de vendas do país, e tampouco lle foi nada mal no estranxeiro.

Carlos Núñez foi toda unha revelación para os aficionados á música celta, sobre todo porque non estamos falando unicamente dun dotado folclorista e intérprete do seu instrumento. É un artista redondo con fame de creación, con capacidade para o risco e a reinvención persoal, e precisamente este aperturismo achégao aos seus “padriños” musicais, os mesmísimos The Chieftains, que nalgún concerto xa o consideraron coma un deles. Núñez representa, dentro da música celta da cornisa cantábrica, os mesmos valores dos seus amigos irlandeses: pureza total cando se persegue esta, e heterodoxia aventureira cando se terza.

A Irmandade das Estrelas non queda lonxe do que outros músicos, dentro e fóra do xénero, soen ofrecer como primeiro traballo: un colorido mostrario no que colle un pouco de todo, desde temas tranquilos e pensativos na liña melancólica do paisaxe galego, a auténticas algarabías virtuosas. Especialmente sonadas foron as excelentes pistas ‘Bailando con Rosiña‘ (que alguén calificou acertadamente de banda sonora para un filme mudo) e ‘Villancico para la Navidad de 1829‘, marabillosa mistura de solemnidade e optimismo. Era evidente que deixase espazo para algunhas colaboracións de luxo que o apoiasen no debut, e conseguiu colar ao menos a un peso pesado en cada tema: a guitarra de Ry Cooder, Luz Casal cantando a Rosalía de Castro, dous membros de Nightnoise, Kepa Junkera e a súa trikitixa, Dulce Pontes, a Vieja Trova Santiaguera e outros moitos, incluíndo por suposto a The Chieftains.

Poderíamos ver A Irmandade das Estrelas como un preludio ao xenial cóctel multicultural de Os amores libres que inclúe flamenco, xotas, polkas, un son cubano… Aínda que na miña opinión a primeira pon aos colaboradores ao servizo do músico, e non ao revés (como quizais ocorre no seguinte lanzamento). Neste sentido, é de admirar a dispoñibilidade que adoitan ter os máis respetados intérpretes celtas cando lles piden participar en traballos de creadores novos ou descoñecidos, un feito do que este disco é un exemplo entre outros tantos.

É certo que nos anos de esplendor do celta sacábanse discos como churros e moitos deles daban na diana, pero Carlos Núñez destacou pola súa formalidade e a profundidade da súa proposta. Non foi este un produto coxuntural que se aproveitase da moda do momento, senón unha obra rica e madura que estaba feita para perdurar.

Carlos Núñez