Fotografías por Belén Costa

Xurxo Pérez: “Os músicos tamén comen e a música, ainda que é unha arte, tamén é un traballo”

A fin de semana pasada falabamos na nosa sección “Sábados de lembranzas” do primeiro e único disco da banda galega de rock progresivo N.H.U., lanzado no ano 1978. No proceso de ollar cara atrás para informarnos sobre este traballo puidemos poñernos en contacto con Xurxo Pérez, teclista da banda. Reunímonos na tenda de música Discoprecio, en Santiago de Compostela, e conversamos sobre a historia de N.H.U.

Para comezar, como naceu N.H.U.? cales foron os seus primeiros pasos?

O grupo comeza no ano 73. Eu incorporeime cando xa estaba feito, levaba uns oito meses formado. Marcharan un par de membros e entrei eu de teclista, tocando principalmente o órgano Hammond. Eles nunca tiveran teclista ata ese momento.

Como era a rutina da banda por aquel entón?

Nós daquela tiñamos unha disciplina moi espartana. Ensaiábamos prácticamente tódolos días, ás veces mañá e tarde; podíamos chegar a ensaiar oito e dez horas ao día, e outras veces tamén pola noite. Tiñamos un ensaio na entrada de Conxo. Un sitio que ademais é moi curioso porque Conxo antigamente era un concello independente, e resulta que onde tiñamos nós o ensaio era o antigo concello que na parte de atrás tiña unha horta enorme.

Que grupos e proxectos influenciaron o son de N.H.U.?

Cada membro tiña as súas propias influncias pero sempre coincidíamos nalgunhas cousas. Os grupos que nos marcaron moito para comezar a facer a nosa música foron King Crimson, Yes, Emerson Lake & Palmer, algo de Pink Floyd tamén, Frank Zappa, Soft Machine que era un grupazo inglés de música instrumental, uns virtuosos; incluso música alemá que ninguén escoitaba porque a maioría eran discos que traia a xente de fóra, de grupos que aquí non se escoitaban. Non é como hoxe que con internet xa te enteras de todo. Por exemplo, eu agora escoito de todo: desde música finlandesa ata música turca porque estou moi aburrido da música yanqui que xa non me aporta ideas novas. Si é certo que hai grupos ingleses, sobre todo no underground, moi bos.

Que supuxo para a banda a súa situacionalidade en Galicia, onde non había máis grupos facendo rock progresivo por aquel tempo?

Todo inflúe, tamén o que te rodea pero ti tamén tes que influír, non só ser un mero espectador.

Como era vivir da música en Galicia hai 40 anos?

Cando comezamos a dar concertos coa nosa música eramos nós mesmos os que tiñamos que facer todo: alugabamos un sitio, por exemplo o teatro Lasalle; pegabamos os carteis algúns días antes do concerto e cobrabamos unha entrada que realmente non era moi cara. Facíamolo para que nos compensara o esforzo e o equipo que tiñamos que pagar. Incluso tiñamos que comprar o equipo de son porque os equipos que se alquilaban antes non eran decentes. Agora pagas e tes un bo equipo. Daquela eran sons tipo tómbola. Tiñas que empeñarte e a base de tocar podías pagar esas historias. Tiñamos unha variante de facer música por salas de festas pero xa facendo música de baile e con outro nome. Tamén íamos por verbenas.

O grupo non buscaba realizar letras combativas mais a decisión de cantar en galego tomouse en certa maneira como un posicionamento político?

Xa daquela o pensáramos nós. Temos un idioma, unha cultura, somos galegos… e eso é o que implica ser galego. Os cataláns xa o levaban facendo dende hai moito tempo.

Cal foi a vosa relación co colectivo Voces Ceibes?

Coñecíamos a Bendicto. Estivémolo acompañando máis ou menos un ano por toda España e tamén por Galicia. Era un tipo que valía moito. A nós apoiounos moito e falou con moita xente para organizar os nosos concertos.

Como foi o proceso de gravación do disco?

Antes de facer o disco veu a coña do servicio militar, que tiñas que ir obrigado. Eu tiven que facelo durante 14 meses da miña vida e foi a experiencia máis negativa que tiven nunca. Era realmente asqueroso. Á volta de facer o servicio militar, cando nos volvemos xuntar, tivemos ao redor de dous meses para preparar a cousa, xusto despois de lincenciarme eu. E na gravación contamos con moi pouco tempo, déronnos dous días. Pagou o selo discográfico que tamén corría cos gastos de estancia e manutención. Ademais déronnos unhas trescentas e pico mil pesetas que daquela era unha axuda importante. Gravamos, en parte, gracias a Nonito Pereira, que era o contacto que había entre nós e a discográfica. Era o momento no que comezou a saír a música galega con Batallán, Voces ceives… era máis ben xente de música folk. Entón tamén comezou a pegar a gaita, e dende a discográfica dixéronnos si tamén nós podíamos levar unha para meter no disco. Nonito Pereira díxolles que sí pero nós non levamos nin gaita nin nada. No estudo había un mellotron que eu sí que usei. No disco escóitase e tiña un son perfecto. Incluso había un clave e veume a idea de facer uns arpexios de fondo para o disco. O enxeñeiro por exemplo para facer as mezclas, coma quen di, puxo un son básico na mesa de estudo pero despois as mezclas fixémolas nos porque o tipo non se enteraba de onde viñan os tiros. Estaban acostumados a gravar cancións típicas de voz e na nosa música o tipo naufragaba. Entón perdemos a primeira mañá, deses dous días que tiñamos para a gravación, en axustar tódalas cousas. O último día foron as mezclas e aí rematou a gravación. O disco saiu oito meses despois de gravar. Aínda tardaron en sacalo. Logo, co disco xa, fomos nós os que comezamos a movelo chamando ás discotecas, pubs, a xente que coñecíamos… Incluso nos empezamos a mover polo estranxeiro: Francia, Holanda, Londres, Alemania, Suíza en varias ocasións, ata Dinamarca.

Por que non houbo máis discos?

Quixemos facer un segundo LP, para o que xa tiñamos outra formación: tiñamos un guitarra que era Cuchús Pimentel e que tocaba flamenco, foi o noso segundo guitarra; e tamén un saxo. Tiñamos material “cojonudo” para gravar pero as discográficas non se interesaron. As discográficas o que queren son cancións de tres minutos para poñer nas radios e que se vendan. Nós sempre quixemos impoñer a nosa idea e eu creo que é como debe ser, pasando de comercialidades e das cousas que che impoñen ou che obrigan a facer. Da música non se vive, tes que ter unha persoa que te mova moito, se non olvídate. Eu agora vou moito ao Dadó dadá e a estes sitios que levan agora a música en vivo e non pagan nada. Os músicos tamén comen e a música aínda que é unha arte, tamén é un traballo.

Como ves o panorama actual do rock progresivo en Galicia?

Se ben é certo que non estou moi ao día con el, si que teño a sensación de que está voltando, pero a un nivel underground.

N.H.U.