por | Mar 2, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Dellafuente: Victoria por goleada.

A expresión de “ir de etiqueta” cada vez ten máis usos diferentes, ou, polo menos, estamos asistindo a unha evolución do termo. Antes, cando falabamos de ir de etiqueta, falábamos sempre de ir elegantes, con traxe, camisa, e gravata. E iamos así a ocasións especiais, onde unha vestimenta exemplar era necesaria. Mais, agora, eu vou propor que dito termo se extrapole a outras situacións. Non vexo diferencia entre ir de camisa e gravata a un evento de recollida de premios ou unha comuñón do que ocorre cando Dellafuente para na túa cidade, e á obrigación que algo así somete: atrévete ti a acudir a un concerto do Chino sen chándal e deportivas. Non o farías, verdade?

É a segunda vez que Dellafuente se deixa ver pola Sala Capitol de Santiago. Na anterior ocasión, pola contra, non acudiu só, senón que tocou diante de Agorazein nun concerto no que se demostrou todo o que o trap tiña que ofrecer á música. Agora, mais ou menos un ano despois, Dellafuente lanzábase de novo ao escenario da Capitol, esta vez sen Maka, sen C. Tangana ou sen Sticky M.A. Era hora de demostrar por si só do que era capaz. El mesmo atopábase impresionado co esgotamento de entradas previo ao seu concerto, e soltaba brincadeiras sobre o feito de que o palco superior da Capitol estivese cheo, dicindo que “nunca estivera nun concerto con Preferente”. Había moitas cartas postas sobre a mesa, moitas cousas que demostrar e un público expectante, cheo de bufandas e sudaderas do Dellafuente F.C. cal a mellor inchada dun equipo de fútbol. E, entón, Dellafuente saíu ao escenario coas súas xa típicas gafas de sol escuras, demostrando por que todos os que estabamos alí decidiramos acudir a velo.

Non houbo momentos de descanso salvo os que Dellafuente decidía interactuar co público. En xeral, foi un concerto cheo de bailes, onde a maioría de temas que Dellafuente foi sacando nos últimos anos tiveron presencia. Si que se botou en falta, tal vez, máis temas dos primeiros, que foron escasos, tendo un momento de especial relevancia cando Dellafuente, dedicando o tema aos que levan sempre con el, cantou Bendito Castigo, na que os bailes, se ben descenderon un pouco, seguiron aí. A produción do tema, sen embargo, si que recibiu bastantes cambios, actualizándose ao son actual do Chino. O mesmo pasou en temas como Se Me Pone Violenta, actalizado a un baile reggeaton aínda máis gaioleiro. En xeral, o concerto destacou temas dos novos, nos que o seu Ansia Viva (2016) estaba moi presente, así como os seus últimos sinxelos como Pa’ Mejor, Demonia ou En Metálico.

Aínda estando só, os apoios e as colaboracións que Dellafuente fixo grandes estiveron aí. Non faltaron temas con Maka, coma os dous anteriores, ou a máis que famosa Guerrera con C. Tangana nos que, aínda que non estaban presentes eles, si que soaron a modo de gravación. Faltou, sen embargo, Marketing, a canción na que canta con Yung Beef. Non faltaron temas que o levaron a onde está, como Consentía. Nestes dous últimos temas, de feito, o público marcouse os bailes máis grandes do concerto, levando o éxito de Dellafuente a facerse material, dándonos una lección no directo de que eses temas poden incluso soar mellor do que esperabamos.

Entre o concerto con Agorazein e este, algo que se veu foi unha mellora da posta en escena do trapeiro granaíno. Se nos poñemos a recordar, a última vez o seu maior apoio fora unha pantalla onde os seus videoclips íanse mostrando. Nesta ocasión, diferentes pantallas de tamaños diferentes, entre elas pequenas cámaras cadradas xiradas, ían mostrando algo acorde coa canción que Dellafuente estaba a cantar. Moitas apoiaban e incluían ao público máis despistado, introducindo nelas as letras das cancións de Dellafuente, para animar a cantar, e outras simplemente introducían imaxes creadoras dun ambiente propicio para a canción.

Un dos maiores éxitos foi a sensación de equipo que Dellafuente e os seus colaboradores tiñan sobre o escenario. Ese “Dellafuente F.C.” non é un simple creador de inchas, senón que todos os que traballaban na equipa do Chino para levar adiante o concerto foron mencionados polo artista granaíno, agradecéndolles a todos a súa axuda para levar a cabo o concerto.

Dellafuente ten, aparte de fans, para ben ou para mal, inchas. Xente que se move por e para el, e para desfrutar os seus concertos e dalo todo coma nunca. Os bailes, os cantos a grito da maioría dos seus temas e as mans sinalándoo foron as accións máis repetidas na Capitol, nun concerto no que non faltaron temas do onte e do hoxe do Chino, mais ben actualizadas ao son e actitude que o granaíno leva hoxe en día. Un espectáculo máis que desfrutable e que nos axuda, aínda máis, a clasificar nos primeiros postos do panorama trapeiro estatal a Dellafuente, que ofrece un espectáculo envexable pola maioría de artistas que din estar á súa altura.

Dellafuente