Select Page

Cinco grandes esquecidas nos Oscar

Colossal (Nacho Vigalondo)

Do director cántabro que se lanzou á fama con Os Cronocrímenes, chega agora unha película cunha premisa moi orixinal: Ser capaz de falar de machismo e relacións tóxicas nunha peli de monstruos que arrasan Corea. Protagonizada por unha Anne Hathaway nun dos seus mellores papeis, interpretando a unha muller que volve ao seu pobo natal tras unha ruptura amorosa. Alí, nunha noite de borracheira, descobre que dalgunha forma está conectada a un ser do tamaño de varios rañaceos que asola Seúl polas noites. A partir disto, Vigalondo conta unha historia na que sobre todo se dedica a parodiar e criticar duramente o arquetipo do nice guy que tantas películas románticas intentaron vender. Unha especie de mistura entre drama, comedia negra e monstruos do estilo Godzilla, que ainda que poda parecer non cadrar, casa excelentemente.

 

Brigsby Bear (Dave McCary)

Cando falamos de cintas de secuestros creo que ninguén espera comedias entretidas cun mensaxe esperanzador, como é o caso. A historia xira entorno a James, un mozo que leva máis de 20 anos secuestrado por unha parella que lle facían crer que eran seus pais e seguindo con devoción un show televisivo infantil chamado O oso Bribsby. Cando a policía os atopa, devolven a James coa súa verdadeira familia para que el reciba unha mala noticia: O oso Bribsy, a súa única forma de escape e diversión ata agora, non é un programa como tal, senón que era unha pantomima grabada polos secuestradores para que tivera unha forma de entreterse vendo a tele sen necesidade de ter contacto co exterior. O filme utiliza a relación entre a nova vida de James e o bunker con Bribsby para falar de como pechar feridas do pasado, ser capaz de saír da zona de confort e superar traumas, todo isto cun constante tono amable e sabendo manterse no seu estilo incluso nos momentos máis duros.

Free Fire (Ben Wheatley)

Vendo a súa premisa o fácil sería supoñer que se trata dun filme de acción ou suspense, pero en realidade aquí hai moito de drama. Boston, anos 70, un intercambio de armas entre dúas bandas que sae mal e remata nun só tiroteo que acaba ocupando a maior parte do metraxe. As intrigas, traicións e mortes violentas non tardan en chegar, pero tamén o máis interesante: Un desenrolo de personaxes boísimo. Os gángsters falarán máis polo cañón dos rifles que pola boca, pero ainda así conséguese crear un conxunto de personaxes carismáticos e interesantes que van evolucionando ao longo da película. Cando a vin dixen que era máis ou menos como soltar unha caixa chea de pistolas en medio do plató de La Sexta Noche, e creo que segue sendo a mellor forma de definila e recomendala.

A Ghost Story (David Lowery)

Ser capaz de construir unha das mellores historias románticas do ano valéndose de non máis de 5 escenarios e protagonizada por un fantasma coa forma máis mítica e tradicional deste ten bastante mérito. E isto é A Ghost Story, unha cinta na que seguimos a un espíritu que segue na terra por ter temas pendentes nesta, observando todo cuberto cunha sábana branca e dous buracos nos ollos, sempre presente pero impercetible. É moi minimalista, sen apenas diálogos e cun ritmo estrictamente pausado, isto último para reforzar o lento que pasa o tempo cando basicamente existes eternamente. Cunha fotografía impecable rodada no xa practicamente esquecido plano de 4:3, que dá á película a sensación dunha imaxe continuamente perturbada pola presencia dese fantasma, normalmente situado inmóbil no centro do encadre, con toda a acción transcurrindo ao redor del sen que poda facer nada. Un tratamento técnico medido ao centímetro que fai deste filme un dos máis imprescindibles do ano.

Mother! (Darren Aronofsky)

Hai algo que non soporto nas críticas de cinema, e é cando din que non poden contar moito da película por medo a caer nos spoilers, pero me temo que vou caer niso, porque contar case calquer aspecto do guión desta pode arruinar gran parte da experiencia. Aronofsky é un director deses coñecidos por contar historias complexas, normalmente con finais abertos e que poden dar para debate, e aquí o leva ao máximo expoñente, cunha trama que fai que a película se convirta nun puzzle formidable, intentando averiguar simplemente que está pasando. Nun momento indeterminado cara ao final, caes en que che están contando, entendes todas as referencias e de súpeto, todo cobra sentido, facendo que dúas horas de peli con constantes momentos de non entender nada, se convirtan nun dos guións mellor pensados do ano. O marketing obligou á película a venderse como unha historia de suspense sobre unha parella nunha casa no campo, pero é moitísimo máis que iso, unha das apostas máis arriscadas en canto a guión do Hollywood dos últimos anos.