Bad Gyal – Worldwide Angel

23/02/2018 • Puro Records/Canada

por | Mar 2, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Bad Gyal ten unha habilidade que escasea: é soar un tema seu e que nos volvamos tolos movendo a cintura, facendo twerking e baixando ata o chan nos bailes. Cada single que nos brinda é unha nova escusa para comentar cos amigos os seus temas novos, poñelos nunha festa e bailar ata rebentar. Non é fácil unha continuidade tan grande, e de feito paréceme unha das características que fan a Bad Gyal tan especial. Non son poucas as que, dende a súa chegada á fama, tentaron imitar o seu estilo tan propio. E é que fama é pouco, tendo en conta de que cando falamos de Bad Gyal falamos dunha barcelonesa realizadora de dance-hall que chegou a ter reportaxes propios nas revistas musicais máis importantes do mundo. É merecido? As probas din que si, e nós non o imos discutir.

Sen embargo, hai algo que falla en Bad Gyal. Non é, obviamente, a súa capacidade de produción de temas bailables e rompe-pistas, xa que a cada pouco nos atopamos bailando algo novo dela. O que falla é, sen embargo, a súa capacidade para crear longos nos que haxa conexión e onde os temas non nos leven a buscar a súa versión individual en Youtube. Porque, á hora dunha produción longa, os fallos, os temas de menor calidade e a repetición de producións está demasiado presente.


Worldwide Angel
chega dous anos despois de Slow Wine (2016). Os pasos adiante están claros, e Bad Gyal non esaxera co título que da á mixtape se está a falar dela mesma. A súa fama creceu, indubidablemente, ata ser mundial. De ser unha trapeira máis de Barcelona pasou a ter o nome máis recoñecible do panorama en canto a nomes femininos, e a súa presencia no Primavera Sound deste 2018 é a proba indiscutible de que a súa fama chegou a puntos que nin ela podería imaxinar en principio. Bad Gyal é unha artista que, a estas alturas, é madura.

Sen ningún álbum de estudo, pode falar xa dunha presencia maior que de moitos que levan dando moito e sen chegar a resultados tan grandes. Así expresará este crecemento de repercusión en varios temas deste traballo, onde fala de “Hemos visitao’ once países/aforo llenao’/hemos estao por todos los laos’” e “Nos vamos pal airport/yo vivo en hoteles/nos vamos pa London” en Internationally. Estamos ante unha artista consciente de quen é, e iso tivo repercusións na súa vida diaria. Sen embargo, fora dos temas que claramente rematarán sendo ou xa son sinxelos, como Blink, Internationally ou Candela, o traballo conta cunha falta de perspectivas enorme. Si, obviamente, non é un traballo de estudo co que iso leva engadido, mais si que peca dunha falta de coherencia e conexión entre temas demasiado grande, sendo, lamentablemente, unha sucesión de temas de similitude estilística sen nada real que contar destacable.

Bad Gyal demostra en Worldwide Angel a súa capacidade de crear bos temas de dance-hall, ás veces, mais tamén deixa patente que este traballo non ía conseguir un paso adiante na súa carreira, senón unha reafirmación do que a levou ao éxito. O resultado final consta dunha simpleza na que moitos temas, por falta de ambición, rematan sendo simplemente aburridos.

Non remato de entender o que lle falla a Bad Gyal, tendo en conta que na produción colabora con xente da altura de El Guincho ou Jam City, os cales foron capaces en varias ocasións de demostrar grandes capacidades creativas. Chegará o día que se lance a crear un álbum de estudo co que iso conleva? Gústame pensar que o día de mañá teremos un traballo no que Bad Gyal mostrará que é algo máis que unha creadora de bailes, onde o seu nivel artístico e todo o que pode ofrecer está representado. Ata entón, seguiremos pensando que o seu traballo está merecida e simplemente “ben”.

 

Bad Gyal