Aberto o prazo de presentación de candidaturas para os Premios Martín Códax da Música

Os Premios Martín Códax da Música acaban de abrir o prazo da inscrición de candidaturas para a súa quinta edición, que contará con 15 categorías que premiarán propostas de pop e indie, metal, hip hop, música tradicional, infantil e electrónica, entre outras, coas que se buscará “visibilizar e fomentar” que a sociedade galega coñeza “toda a variedade e talento musical” que ten o país.

Con respecto á edición anterior, que contaba cunha categoría máis,  o membro da directiva da Asociación de Músicos ao Vivo, Ramón Bermejo, explicou que se decidiu xuntar as categorías de música folk e tradicional debido a que “había poucas inscricións” e “moitas confusións”. “A fronteira entre tradicional e folk estaba moi difuminada”, precisou.

O prazo para inscribirse abriuse este xoves e pecharase o próximo 18 de marzo. Despois dunha rolda de votacións anunciaranse os nomeados o día 18 de abril. Un xurado profesional decidirá quen dos finalistas recibirá os ‘Melómanos’, as estatuíñas de madeira creadas polo escultor Víctor Lorenzo como figuras oficiais dos Martín Códax. En total, entregaranse 57 premios a proxectos musicais galegos no transcurso da gala do 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A rolda de prensa celebrada na libraría do Cinema NUMAX rematou coa actuación de Mr. Cool e coa colaboración de Iria Pinheiro, presidenta da Asociación Músicos ao Vivo, quedando así inaugurados os V Martín Códax.