Espanto – Tres Canciones Nuevas

23/02/2018 • Astrohúngaro S.l.

por | Mar 1, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O ano pasado, con Fruta y Verdura, Espanto confirmáronse como unha das bandas máis interesantes do indie estatal, deixando para a historia temas nos que as metáforas sobre a sociedade e o amor actual fallaban, cun son entre doce e apático que os convertía en algo novo e destacado, do cal desfrutar cun sorriso pensando detidamente nas letras e perdéndose entre teclados e percusión. Esta semana, deslizábanse a un son máis fino para lanzar un novo EP, este, ao que decidiron chamar Tres Canciones Nuevas. Novamente, aparecía esa apatía da que xa falabamos.

O EP comeza con El Jersey, onde, cun ritmo chamativamente animado, fálasenos de quedar atrapados dentro dun xersei de dúas cabezas, que, pouco a pouco, vai facendo que a parella se integre nunha soa persoa, fusionándose. Ao final, tras varias cuestións, dito xersei de dúas cabezas parecía unha mala decisión. O que a simple vista non parece nada, pódese entender coma unha metáfora chegada ao extremo onde o xersei é, directamente, unha relación que saíu moi mal.

En Los Esqueletos, a metáfora vaise cara a sociedade, onde todas as persoas parecen un esqueleto con ese “El mundo entero está sembrado de esqueletos”. Formula dunha forma preciosa unha falta de empatía por parte da sociedade, mais sen chegar a criticalo como algo malo, senón que se inclúen en tal colectivo, onde ninguén é “malo” ou “bo”. Un saxo aparece na parte final da canción, aumentando a sensación de conformismo triste.

O ritmo marcado e as voces ao unísono chegan en La Corriente, axudando a crear a sensación de continuidade e dualidade que busca a canción. Os dous protagonistas do tema, “dun mesmo río pero en costas diferentes“, é dicir, similares e compatibles mais non destinados a coincidir na vida, rematan tirándose dunha ponte á vez, ao que sarcasticamente consideran “boa sorte”. A partir de aquí, a canción convértese nunha estraña canción  de amor na que as vísceras e restos de ambos corpos baixan sempre río abaixo xuntos, inevitablemente, compartindo por fin correntes. É incriblemente precioso ver como unha canción de amor pode chegar a uns extremos tan escatolóxicos.

Espanto volven traer metáforas preciosamente levadas á vida. Sen o gancho e a sucidade dos temas que os coroaron en Fruta y Verdura, neste EP conseguen traer tres novas cancións nas que hai moito que ofrecer, aínda cando eles mesmos, dende a apatía típica do grupo, presente dende o mesmo nome do EP, parecen non moi interesados en outorgar algo así. E toda esa desidia, reproducida como un son máis simple e sons máis tranquilos, fan de Tres Canciones Nuevas un destacable traballo

Espanto