Bad Gyal, de Vilassar de Mar ao mundo

Nas artistas urbanas que viñeron pegando forte nos últimos anos, como a rapeira Gata Cattana (faltoulle un ano, igual dous, para convertirse nunha estrela), La Zowi, Ms Nina ou a poliédrica Nathy Peluso, vexo algo chamativo e é que a todas, independentemente do estilo no que traballen, encasíllanas dentro da etiqueta “trap queen”, etiqueta que mesmo se chegou a vincular coa cantaora de flamenco Rosalía. O caso de Bad Gyal é especialmente chamativo. Por máis que ela repite “non é trap, é dancehall, boa parte da audiencia a segue asociando a un xénero ao que xa se recurre máis por índice de clics que por significado.

Cando unha asiste a este tipo de concertos, sexa dancehall, trap, reguetón ou dembow, e ve que nas primeiras filas hai máis mozas que mozos alentando a que as cantantes “perreen”, dase conta da magnitude de rupturas que se está a producir dentro dos ritmos latinos, en concreto a que ubica á muller nese rol de empoderada. Aquel “All the girls to the front” que berraba Kathleen Hanna, líder da banda punk Bikini Kill, volve a ser clave para entender o funcionamento actual da música urbana, e non só a das marxes. É a frase que Princess Nokia fixo case súa, a mesma que Bad Gyal pon en práctica sen ter sequera que pronunciala. Quen estivera o sábado na Sala Pelícano e vise a unha morea de rapazas berrando e aplaudindo cada vez que a barcelonesa baixaba o cu ata o chan, entenderá a que me refiro.

A novísima Alba Farelo (vinte anos), aka Bad Gyal, convocou na Coruña a un público maioritariamente da súa mesma quinta, e tamén máis novo, con ganas de corear e mover as cadeiras. Saía ao escenario pasadas as nove da noite, en chandal, con aros de cinco centímetros de diámetro e o pelo recollido nunha coleta. Caen os hits (así son recibidos), “Blink” de entrada, o mellor tema da súa nova mixtape Worldwide Angel, que acababa de sacar xusto o día anterior, e que sintetizaría o concerto enteiro: “Baby, no hagas caso de lo que te digan/ Me gusta el perreo/ me gusta el perreo/ si quieres te lo enseño/ y lo querrás de nuevo”.

Os altavoces retumbaban ata a sordeira e as presentes axitababamos os brazos coas novas pezas, intercaladas con algunhas do Slow Wine (2016). Os temazos “Jaracanda” e “Mercadona non faltaron, mais as fans das súas primeiras cancións en catalán ficamos algo tristeiras. Pese a todo, ela insiste: ‘Yo sigo iual‘, canta, na súa lingua natal, nun dos cortes máis molóns deste último traballo, onde se desnuda emocionalmente e di cousas tan sentidas como “Jo estava molt perduda quan em vaig posar a cantar / Jo em sentia una merda, ara soc un exemple”. Acaba de cantar e di “Esta música todavía no se hace en España”. O público ruxe. E a actuación, algo breve (nin unha hora), remata cun “Fiebre” coreadísimo, como se, nese escenario e a ese volume, cobrase todo o sentido.

A partir de hoxe, 1 de marzo, Bad Gyal comeza a súa xira polos Estados Unidos, con nove datas nas cidades máis importantes do país, á marxe da súa presencia no SXSW 2018, onde tamén tocan Kings of the BeachChristina RosenvingeNúria Graham ou FAVX. Proba da repercusión mundial que está acadando a catalá que, ademais de traballar cos produtores Jam City e Vlado Meller (Kanye West) e non ser xa unha sorpresa atopala en portadas de medios como Pitchfork, The Fader ou ser a canción do ano para FACT, artistas da talla de Charli XCX e Hannah Diamond (PC Music) amósanse seguidoras da súa música.

Probablemente sexa a expoñente máis internacionalizada da escena urbana estatal e á vez cunha actitude máis independente, sen ser número 1 en España e sen firmar para multinacionais, a pesar de formar parte dunha mesma ola de artistas en continua disputa por demostrar quen é o máis pagado ou quen ten máis reproducións (ejem). Aquela adolescente de Vilassar de Mar soubo escapar da espiral onanista para disgregarse por todo o mundo. Está abrindo a porta a sons alternativos, creativos e sofisticados, afastados do habitual en España, para o seu público masivo. Algo que pode empezar a abrir a frixidez musical dalgúns oídos.