Varios artistas – A forma da auga

01/12/2017 • Decca Records

O nome de Alexandre Desplat xa non nos debería soar descoñecido. Este compositor francés atópase este ano ante a súa novena nomeación ao Oscar a mellor banda sonora. Autor da música de filmes como O curioso caso de Benjamin Button, Argo, O discurso do rei, ou The Imitation Game, Desplat gañou a súa única estatuíña coa banda sonora do filme de Wes Anderson O gran hotel Budapest.

Para esta nova película de Guillermo del Toro, Desplat compuxo unha banda sonora clásica, cun son moi cinematográfico. Podemos atopar tintes románticos e unha certa influencia do jazz dos anos 50. A instrumentación non se alexa da orquestra tradicional, tendo un peso destacado o piano, e con aparicións puntuais dun acordeón. As composicións de Desplat veñen acompañadas tamén dunhas cantas cancións de outras artistas entre as que destacan a canción de Serge Gainsbourg La Javanaise, interpretada por Madeleine Peyroux ou o marcado ritmo de Chica Chica Boom de Carmen Miranda. O disco remata cunha colaboración entre Alexandre Desplat compoñendo novos arranxos e Renée Fleming cantando o clásico You’ll Never Know.

A banda sonora de A forma da auga é sen dúbida unha obra de calidade. Non me sorprendería que Desplat saíse desta gala dos Oscar co seu segundo galardón. Sería unha aposta segura por parte da Academia estadounidense premiar a un compositor que xa ten un nome recoñecido pola banda sonora ao filme que máis nomeacións recibiu este ano.

Sen embargo, se de algo peca este score é de ser moi pouco atrevido. Podería compararse coa música que Jonny Greenwood compuxo para O fío invisible de Paul Thomas Anderson, xa que en ambos traballos hai certas influencias musicais moi similares, mais Greenwood demostrou que ainda se pode innovar cos arranxos orquestrais nas bandas sonoras para cinema hoxe en día.

Varios artistas