Screaming Females – All At Once

23/02/2018 • Don Giovanni Records

por | Feb 28, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A duración dos discos é un asunto demasiado complexo. Fóra das limitacións que poidan traer consigo os formatos físicos, non hai ningunha norma escrita sobre o asunto,  e sen embargo a grande maioría dos discos acostuman a moverse entre unhas duracións moi determinadas, normalmente entre os 40 e 50 minutos. E aínda así moitas veces sentimos que álbumes que non teñen unha duración excesiva fánsenos longos, ou que podemos escoitarnos un disco dobre enteiro sen que nos aburra. Os discos teñen esa extraña capacidade de facer que sintamos o tempo como algo máis relativo.

O séptimo disco de estudio do trío estadounidense de punk rock Screaming Females, con un total de 15 pistas ten unha duración de 51 minutos e teño a sensación de que por momentos se fai un pouco longo. A cousa empeza ben coa canción Glass House que recorda bastante aos Siouxsie & The Banshees do disco The Scream. En Black Moon podemos escoitar a cara máis enérxica da música que Screaming Females nos presentan en este álbum. Mais de aquí en diante as cancións comezan a sucederse sen propoñer algo que non teñamos escoitado xa nestes dous primeiros cortes.

Na dupla de Chamber for Sleep atopamos a instrumentación máis elaborada de todo o álbum e en Fantasy Lens outro dos ramalazos máis enérxicos marcado por un uso moi acertado das disonancias e as melodías. O resto de cancións do disco non son malas cancións, de feito trátase de un álbum bastante sólido. Sen embargo rara vez nos atopamos sorpresas ao longo dos seus 51 minutos de duración. Hai unha liña moi clara e a banda non se atreve a alonxarse excesivamente da mesma en ningún dos seus temas.

Quizáis por esto teño a sensación de que este disco dura máis do que dura cando o escoito, a falta de variedade no son non sería un problema se por exemplo este traballo durase 10 minutos menos. Aínda así All At Once é un disco con boas cancións e boas interpretacións. Unha proposta que continúa a ser interesante tratándose xa do séptimo traballo da banda. A única pega é que quizáis con unha duración algo máis reducida podería ser un álbum máis redondo.

Screaming Females