Déixame saír: O terror do efectivismo racial

Entre todas as películas nomeadas pola Academia, Déixame saír destaca por ser unha das producións máis pequenas que optan ao galardón de mellor película na próxima gala dos Oscar. Estreada xa fai un ano, a cinta foi ben recibida tanto polo público como pola crítica. Son varias as capas que se poden extraer deste primeiro filme que dirixe e escribe Jordan Peele, coñecido pola súa carreira como actor en producións televisivas. A capa máis evidente, sen dúbida, é a do conflito interracial que evidencia a grave situación que se está a vivir actualmente nos Estados Unidos con respecto a temas de racismo e intolerancia.

O protagonista do filme, Chris (Daniel Kaluuya), é un xove afroamericano que vai pasar a fin de semana coa súa moza Rose (Allison Williams) na casa dos pais desta, unha familia de brancos de clase media alta que non parecen ter ningún problema con que a súa filla estea saíndo cun mozo negro. Dende o momento no que Chris se dá conta de que todo o servizo da casa é de raza negra, comezará a desconfiar do que está acontecendo no entorno familiar.

Se ben Déixame saír non é unha película de terror ao uso, pois quen vaia coa idea de pasar medo de seguro que quedará coas ganas, a súa intención é máis ben a de crear un thriller psicolóxico que incomode, sobre todo, ao público branco. A medida que o filme avanza, as diferentes conversas e situacións ás que Chris se ten que afrontar (sobre a súa xenética, as súas capacidades físicas ou a súa situación de afroamericano na sociedade actual) poñen de manifesto que a lacra do racismo segue a estar vixente ata nos círculos máis progresistas.

Queiramos ou non, este malestar que se adentra no espectador ante o que está vendo prodúcese grazas á combinación dos xéneros de comedia e terror. Rimos ante os sutís comentarios racistas dos personaxes porque contrastan coas reaccións contidas de Kaluuya, e é aí onde a película ten o seu efecto. A cinta, por suposto, ten fortes tintes políticos e sociais, o cal fai a Déixame saír tan necesaria para esta época na que o racismo está cobrando cada vez máis presenza nos países occidentais.

En canto á parte máis técnica, a obra destaca tamén no apartado visual. O director de fotografía Toby Oliver filma con cores vivas e contrastadas, e cun tratamento da luz que fan que os escenarios tanto fóra coma dentro da casa recorden ao xénero de terror máis clásico. Oliver xoga coa proximidade da cámara para desestabilizar internamente os planos ata  conseguir que personaxes como os dos serventes aparezan bizarros e antinaturais, ou ben prepararnos para algo maior que vai acontecer a continuación, como ocorre na escena da hipnose, unha das máis remarcables da película.

Ainda que poida vir nun paquete de presentación sinxelo, Déixame saír estanos a falar dun racismo que vai máis aló das políticas intolerantes que estamos soportando, un racismo que xorde de ser cómplices do chiste cando respondemos cunha risa nerviosa, baixiña e seguida dun mudo silencio. Por se cabe remarcalo, o único filme destas nomeacións que conta cun personaxe negro é, precisamente, a que critica o racismo férreo e imperante.

Deixame Saír (Get Out)


Director
: Jordan Peele
Música: Michael Abels
Guión: Jordan Peele
Fotografía: Toby Oliver
Ano: 2017
País: Estados Unidos

 

Blumhouse Productions / QC Entertainment