Kings of the Beach – Super Awkward, Fucking Awesome

23/02/2018 • Ciudad Oasis

por | Feb 28, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

A nosa compañeira Paula Doors falaba fai nada do espectáculo de Kings of the Beach en directo. De como moitas bandas de garage poderían utilizar unha lista de reprodución porque soan exactamente igual. De por que este non é o caso dos vigueses. Mais, de onde ven ese son en directo? Que podemos atopar neste primeiro LP? Pois, unha vez máis facéndome eco desa reseña: media hora de surf, garage, punk, Samil.

Non existen os respiros á hora de falar do garage. É un estilo musical intenso, onde as guitarras e os baixos se confunden en riffs estrondosos que teñen como único obxectivo porte a bailar. A batería marca un ritmo que en ningún momento che deixará respirar. As voces, como as dos tres compoñentes de Kings of the Beach, mestúranse entre un grito e un canto. Os inicios das cancións sempre chaman a que comeces cun grito mentres o círculo se rompe nun pogo nos directos. Que é, entón, o garage, senón unha música que desfrutar nun concerto? Con todo, aínda que as chamadas aos pogos e ao crowdsurfing están aí e, polo tanto, a necesidade de desfrutalo en directo, os discos de garage existen. Chamádeo preparación, chamádeo intento de animar as nosas festas, mais sen dúbida estamos listos para que a chamada sexa recibida.

Eat Snot da comezo ao disco cun aire surfero que pronto se disipará entre elementos típicos do garage. Os primeiros coros onomatopeicos aparecen, e os solos de guitarra dan a sinal para continuar o pogo. Todo comeza ben.

Chegados case ao hemisferio do álbum aparece Wasted / Youth. Unha pequena introdución de guitarra da inicio aos berros de “Wasted youth” (Xuventude desperdiciada). As guitarras, aínda sen perder o seu aire garage e surf, teñen agora un elemento melancólico asomando. Temos aquí unha canción perfecta para bailar a sensación de falta de futuro que nos tocou vivir ás nosas xeracións. Os coros onomatopeicos soan moi surf, feitos para deixarte levar nun pogo que, entre lágrimas melancólicas, faríate sorrir.

Slacker chega para darnos un respiro. Os Kings of the Beach tamén o necesitaban. Os riffs de guitarra adornan esta vez a un baixo protagonista, completando a única canción sen ritmo frenético do álbum, onde a preguiza que transmite concorda co título da canción. Tras ela chega o single Empty Bodies, onde de novo o desgusto pola sociedade actual se deixa ver, cunha letra onde a soidade e o illamento social son protagonistas.

Os Kings of the Beach fixeron ben os deberes. Non se lanzaron a un longo de golpe, e xa teñen un nome bastante recoñecido no panorama galego tras dous EPs que mostraron por onde irían os tiros. Agora, por fin, era a proba do algodón. Supérana? Si. A dicir verdade, con creces. Moitos dos elementos necesarios para que un disco así saia adiante aparte do desfrute que poden dar no directo están neste Super Awkward, Fucking Awesome.

Kings of the Beach