Select Page

Premian os Multicines Norte pola súa aposta polo cine independente

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle aos Multicines Norte de Vigo o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. A actriz Marta Doviro recolleu o galardón, en representación dos Multicines, o pasado venres, día 23, no Encontro de Finalistas dos XVI Premios Mestre Mateo que se celebrou na Domus da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías.

Con este premio, a Academia quere poñer en valor “este espazo de referencia para a cinefilia galega, que leva máis de tres décadas apostando polo cine de autor dende a independencia do cine de barrio”. A AGA destacou o exemplo extraordinario destas salas, xestionadas dende a súa apertura pola mesma empresa familiar, e que “ofrecen ao público a posibilidade de descubrir filmes fóra dos circuítos maioritarios, incluíndo películas en versión orixinal, reposicións de clásicos e, por suposto, cinema galego”.

Os Multicines Norte, bautizados co nome da vía viguesa na que se atopan, abriron as súas portas en 1982 coa proxección de O último metro de François Truffaut e O matrimonio de Maria Braun de Rainer Werner Fassbinder.

En 2013, dixitalizaron varias das súas salas para poder acceder a títulos non dispoñibles en celuloide, e comezaron a incluir na súa programación reposicións de filmes clásicos e obras en versión orixinal. Ademais, son unha das salas vinculadas á iniciativa Screenly, gracias á que os espectadores poden escoller os filmes que desexan ver, e colaboran coa Escola Oficial de Idiomas viguesa ofrecendo descontos ós seus estudantes.

Actualmente, ampliaron a súa aposta polo cinema independente, de autor e de calidade, recuperando en Santiago os Multicines Compostela.